Concedido pola Asociación Galega da Empresa Familiar

Os fundadores de Aceites Abril, Premio Familia Empresaria 2022

A familia ourensá Pérez Canal, propietaria do grupo empresarial Aceites Abril, é a recoñecida este ano co XVI Premio Familia Empresaria que concede a Asociación Galega da Empresa Familiar co apoio de Sabadell Gallego.

Os fundadores de Aceites Abril, Premio Familia Empresaria 2022
O presidente da Xunta entregando o galardón A Mª del Carmen Canal./PUNTO GA. M.RIOPA.
O presidente da Xunta entregando o galardón A Mª del Carmen Canal./PUNTO GA. M.RIOPA.

A Asociación Galega da Empresa Familiar valora con este galardón o compromiso de Aceites Abril coa internacionalización da economía galega, como empresa con presencia en 60 países. A asociación que une as empresas familiares galegas destaca ademais o firme compromiso da compañía con Galicia, como mostra súa iniciativa Colleita Propia, que busca promover aplantación de olivos en Galicia e a produción de aceite 100% galego.

Carmen Canal, empresaria e cofundadora da compañía, foi a encargada de recoller o premio, entregado nun acto en Allariz (Ourense). O acto de entrega contou coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, e Pablo Junceda, director xeral de Sabadell Gallego.

Traxectoria de Aceites Abril

Aceites Abril foi fundada en 1962 por José Pérez Delgado, pai de Manuel Pérez Canal, que nos principios adicábase ao sector vitivinícola. A compra dunha adega e dun muiño de prensa nun pequeno pobo da Mancha, fixo que a empresa pasara de traballar con uvas a facelo con uvas e olivas. As primeiras botellas de aceite envasábanse no barrio de A Ponte para despois instalarse nos anos 90 nunha planta de produción no polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense). Na actualidade, o grupo conta dúas liñas de refinado na súa planta produtiva. Hoxe en día contan con 1.600 referencias de aceites comercializados máis de 60 países. En 2021, Aceites Abril produciu 200 millóns de litros de aceite.

“A familia Pérez Canal decide ser protagonista e lanza unha aposta que coa mestura de esforzo, visión e apego familiar, acaba sendo triunfadora. Aquela experiencia está na orixe dunha firma que é exemplo de implicación coa Galicia Calidade”, indicou Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia. O xefe do Executivo galego destacou tamén o compromiso da Xunta coas empresas familiares dada a importancia que teñen na economía galega e que son un modelo industrial que permite poñer nomes e apelidos á puxanza da comunidade.

Premio Familia Empresaria

O Premio Familia Empresaria, outorgado pola Asociación Galega da Empresa Familiar co apoio de Sabadell Gallego, distingue con carácter anual dende 2005 a traxectoria empresarial e o mantemento das raíces en Galicia das empresas de propiedade familiar da comunidade. As familias Castro Romero (A Coruña), Pérez Rumbao (Ourense) e Pereira (Vigo) foron as premiadas nas tres últimas edicións. 

“Nestes tempos de incertidume, a sociedade será máis consciente da contribución da empresa familiar” destaca o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Victor Nogueira. “Ogallá todos homenaxeásemos co noso apoio ao conxunto de familias empresarias que fan de Galicia unha terra cun gran futuro grazas ao seu traballo calado, riguroso e diario”, afirmou Pablo Junceda, director xeral de Sabadell Gallego.

Os fundadores de Aceites Abril, Premio Familia Empresaria 2022