Recibirá o galardón o 21 de xuño

A enxeñeira informática Cristina Vázquez, CEO de Teimas, recibirá o Premio Ada Byron do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concederá o Premio Ada Byron da “XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” de 2024 á enxeñeira informática Cristina Vázquez polo seu liderado ao fronte de Teimas, empresa punteira galega na aplicación da tecnoloxía á xestión de residuos.
A enxeñeira informática Cristina Vázquez, CEO de Teimas, recibirá o Premio Ada Byron do CPEIG
Cristina Vázquez, CEO de Teimas.
Cristina Vázquez, CEO de Teimas.

Cristina Vázquez Muiño (Santa Comba, 1986) é socia da empresa Teimas e CEO da compañía desde febreiro de 2024. Inicialmente estudou Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e, a continuación, Enxeñaría Informática, ambas titulacións na Universidade da Coruña (UDC). Tamén se formou como Executive en Desarrollo Directivo en 2021.

“Sempre me fascinou crear cousas novas e encaixar pezas para resolver problemas, desde un crebacabezas a un Lego construción. Aínda que non tiven o meu primeiro ordenador ata ben entrada a adolescencia, o concepto da creación de software, que por aquel entón só vía nas películas, parecíame fascinante. Tamén cría naquel momento que prefería traballar con máquinas que con persoas. Visto agora con perspectiva, afortunadamente esa parte da expectativa non me saíu demasiado ben e puiden descubrir o enriquecedor que é colaborar, no só con equipos técnicos senón tamén con clientes e persoas doutras disciplinas, para construír produtos útiles”, lembra a enxeñeira. Así, considerou que na rama da informática tiña varias cousas que encaixaban con ela, como eran a tecnoloxía, a creación de produtos desde cero e a contribución á solución de problemas en numerosos ámbitos. 

A xalleira é un exemplo para as nenas e rapazas que están cursando os seus estudos de primaria e secundaria e que poden ter a inquietude de apostar polas carreiras STEM. “O meu consello é que fagan o que realmente queiran. Eu era unha boa estudante e meus pais e o entorno recomendábanme que estudara medicina, pero eu non me vía exercendo esa profesión”, destaca Vázquez Muíño, que recibirá o Premio Ada Byron na gala da “XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 21 de xuño en Santiago.

A enxeñeira informática Cristina Vázquez, CEO de Teimas, recibirá o Premio Ada Byron do CPEIG