Margarita Ardao é a nova directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

Toma de posesión de altos cargos nas consellerías de Economía, Facenda e Emprego

Logo da recente remodelación do goberno da Xunta, esta semana tomaron posesión novos altos cargos nas consellerías de Economía e Industria, Facenda e Administración Pública e Emprego, Comercio e Emigración.
Toma de posesión de altos cargos nas consellerías de Economía, Facenda e Emprego
O novo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado dos altos cargos do seu departamento./CEDIDA XUNTA.
O novo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado dos altos cargos do seu departamento./CEDIDA XUNTA.

Así, Margarita Ardao Rodríguez tomou posesión como directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, nova dirección xeral dependente da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria.

Margarita Ardao era ata o de agora directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego. Nada en 1976 en Narón (A Coruña), é enxeñeira industrial na especialidade enerxética pola Escola Politécnica Superior de Ferrol, e posúe o diploma de directiva no ámbito da Administración autonómica de Galicia.

A súa traxectoria profesional está ligada á Administración autonómica, na que desempeñou entre 2004 e 2017 diversos postos na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Desde 2017 ata maio de 2022 desenvolveu o seu traballo na Axencia Galega de Innovación (Gain).

Novo director xeral de Comercio e Consumo

Dentro do organigrama da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Gabriel Alén Castro será o novo director xeral de Comercio e Consumo. Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Vigo, Alén fora ata o de agora delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense.

Nesta mesma consellería Joaquín Macho Canales tomou posesión como secretario xeral técnico. Ata o de agora, era o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural.

Novos altos cargos en Facenda

Pola súa banda, este xoves tamén tomaron posesión dos seus postos os novos altos cargos da Consellería de Facenda e Administración Pública. David Cabañó estréase como secretario xeral Técnico e do Tesouro. A nova Interventora xeral da Comunidade Autónoma é Almudena Chacón; Arturo López asume as tarefas de director xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico e Nuria Aguilar as de directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. Pola súa banda, José María Barreiro é desde agora o novo director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Toma de posesión de altos cargos nas consellerías de Economía, Facenda e Emprego