Conta con 4.000 metros cadrados

Hijos de Rivera inaugura un centro loxístico no polígono de Barro-Meis

Hijos de Rivera vén de inaugurar centro loxístico no polígono industrial de Barro-Meis, máis de 4.000 metros cadrados construídos desde onde a propietaria de Estrella Galicia dará servizo á área de Pontevedra. 

Hijos de Rivera inaugura un centro loxístico no polígono de Barro-Meis
Autoridades na visita ao centro loxístico de Estrella Galicia no polígono de Barro-Meis.
Autoridades na visita ao centro loxístico de Estrella Galicia no polígono de Barro-Meis.

O director da Corporación Hijos de Riverea, Antonio Viejo, e o delegado comercial de Hijos de Rivera en Pontevedra, Miguel Ángel Vázquez, exerceron de anfitrións nunha visita institucional na que participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado de Cooperación Municipal, David Regades, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes.

Carmela Silva agradeceu aos representantes da Corporación pola invitación a visitar as súas novas instalacións e tamén por elixir o polígono de Barro para a súa nova plataforma loxística para atender Pontevedra. “Para este concello e para este polígono que grandes empresas se instalen nel, convirte a esta zona nun polígono dos máis relevantes que se están a poñer en marcha en Galicia”, subliñou Silva.

A presidenta provincial destacou a construción desta nave loxística, “moderna e con todas as medidas de seguridade, vai ser un atractivo para a instalación doutras empresas no polígono de Barro”· Silva subliñou que espera que a instalación de novas empresas en Barro fagan que en breve “teñamos que ampliar o propio polígono”, concluíu a Presidenta.

Antonio Viejo, director da Corporación Hijos de Rivera, subliñou que a nave é unha resposta a necesidade de manter unha calidade de servizo do máximo nivel para os máis de tres mil clientes da zona norte da provincia e agradeceu a axilidade do Concello e da Deputación para ter cumpridos todos os trámites administrativos para a súa posta en marcha. 

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, sinalou que o seu concello axilizou todo o posible para que a nave de Estrella Galicia  fora unha realidade no menor período de tempo  e “hoxe xa é unha realidade”.

A nave consta de 4.160 metros cadrados construídos en tres plantas. A compañía comezou a operar con normalidade desde as instalacións do polígono de Barro-Meis desde a pasada semana tras máis de sete meses de obras nas que se tratou de executar a maior parte da obra con empresas locais. A nave está dotada con paneis solares e un separador de hidrocarburos para a súa contribución ao medio ambiente.

Ocupación do polígono

Neste momento no polígono de Barro están vendidas un total de 26 parcelas que suman case que 98.000 metros cadrados de ocupación por diversas empresas, entre as que destaca o centro distribución do Grupo Froiz. Ademais no polígono esta instalado o viveiro de empresas de Deputación de Pontevedra, que ocupa unha parcela de 2.500 metros cadrados, e o centro de apoio empresarial, que tamén ocupa outra parcela de 2.500 metros cadrados. No pasado mes de febreiro recibíronse as últimas peticións de ocupación de parcelas, que se atopan no proceso administrativo de concesión, que sumaron outras catro novas empresas ao polígono de Barro.

Hijos de Rivera inaugura un centro loxístico no polígono de Barro-Meis