Novas convocatorias dos Bonos de Innovación, DeseñaPeme e InnovaPeme
Gain informa na Tecnópole sobre os apoios para que pemes e micropemes aposten pola innovación
O obxectivo desta xornada era dar a coñecer as novidades nos requisitos e características das novas convocatorias dos Bonos de Innovación, os Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i, e os programas DeseñaPeme e InnovaPeme, así como resolver dúbidas e propiciar un espazo de networking para o contacto entre entidades. Ademais, aquelas pemes sen experiencia que o solicitaron participaron nun obradoiro de asesoramento en materia de innovación.
Os Bonos de Innovación, dotados cun orzamento de 750.000 euros, teñen aberto o prazo de solicitude ata o 22 de febreiro. O seu obxectivo é impulsar os primeiros pasos para innovar en autónomos, microempresas, pemes e entidades do terceiro sector de acción social, e ademais permitir dar visibilidade á innovación que estas levan a cabo. Para elo, apoia a contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.
Pola súa banda, os Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i destinarán 500.000 euros en concorrencia non competitiva a apoiar a preparación de propostas tanto de pemes como de organismos de investigación, co obxectivo de impulsar a participación de entidades galegas nestes programas. Esta liña, cuxas intensidades de axuda oscilan entre o 30 e o 60%, prevese publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas vindeiras semanas.
Por último, InnovaPeme e DeseñaPeme, dotada con 4,5 millóns de euros, publicarase o vindeiro 13 de febreiro no DOG. Trátase de axudas dirixidas a pemes para financiar as actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, co obxectivo de sistematizar e fortalecer a innovación nestas empresas. A intensidade da axuda é do 50% e o importe pode oscilar entre 25.000 e 75.000 euros.
Casos de éxito
No transcurso da xornada, dúas entidades beneficiarias destes apoios en anteriores convocatorias presentaron a súa experiencia. Trátase da destilería Hermanos Paniagua, con case 150 anos de historia e ubicada no Carballiño, que obtivo un bono de innovación e unha axuda do programa InnovaPeme no ano 2023. Pola súa banda, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor) recibiu un bono de innovación no ano 2023.
Conecta Ourense como axente intermedio para a tramitación
A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, aproveitou a súa participación no peche da xornada, para lembrar o papel de Conecta Ourense, a iniciativa posta en marcha pola confederación, para servir de nexo entre as axudas e as pemes, co fin de axudar a estas coa súa tramitación e lograr así un tecido empresarial ourensán máis innovador e moderno. ‘Conecta Ourense xurdiu para facilitar esa transición que as empresas están obrigadas a facer hoxe en día para non quedarse atrás’ salientou a presidenta da CEO. Engadiu ás súas palabras un dato significativo do 2023 que reflicte que Conecta Ourense apoiou e xestionou 35 expedientes no marco destas mesmas axudas presentadas hoxe da Axencia Galega de Innovación, principalmente, nas convocatorias de Bonos de Innovación, DeseñaPeme e InnovaPeme. Esta cifra supuxo triplicar a porcentaxe de expedientes de axudas á innovación de empresas ourensás con respecto ao período 2017-2021, o que reflicte o cumprimento na tarefa dinamizadora e de apoio coa que naceu esta iniciativa.
Máis xornadas en Ferrol e Vilagarcía
Con esta xornada, que se está a celebrar nas catro provincias galegas, a Axencia Galega de Innovación quere animar ás micro, pequenas e medianas empresas e entidades do terceiro sector social a innovar, independentemente do seu tamaño, localización, ou sector. O 2 de febreiro terá lugar outra sesión informativa en Vilagarcía de Arousa e o 6 de febreiro en Ferrol.