Presentación de resultados de seis proxectos europeos

A industria alimentaria galega avanza en dixitalización e innovación

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) presentou os resultados de seis proxectos de dixitalización, I+D+i, aplicación de novas tecnoloxías e industria 4.0 nos que participan 28 entidades socias, nun demoday celebrado en Santiago de Compostela, que contou con máis de 70 asistentes.
A industria alimentaria galega avanza en dixitalización e innovación
A xornada serviu de presentación de resultados para seis proxectos nos que participan Clusaga e entidades asociadas.
A xornada serviu de presentación de resultados para seis proxectos nos que participan Clusaga e entidades asociadas.

No marco dun evento dedicado integramente á dixitalización e innovación da industria alimentaria de Galicia, foron presentadas seis iniciativas (IA40WASTE, MEATwin, DIG4.0VO, VitIA 5.0, POWERLOG e AGROVOLTECH) financiadas polo programa de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs) do Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR) e pola Unión Europea a través dos Fondos Next Generation.

A xornada incluiu a presentación doutras tres iniciativas pertencentes ao proxecto europeo HIGHFIVE de Clusaga: PREVAI, BUPAIC e CREAMSENS. Ademais, Eladio Otero, subdirector de Desenvolvemento de Negocio do Igape, deu a coñecer algunhas das axudas á dixitalización que a Xunta de Galicia pon á disposición das empresas.

Asemade, as empresas tecnolóxicas asociadas ao Clusaga AOTECH, ASM Soft, Captology Gestión, Perfect Numbers, Docuten Tech, EligeData, Emenasa Industria y Automatismo, Himikode, Indutec Ingenieros, Innogando, InprOTech, Logicmelt, NIGAL, Plexus Tech, Seresco, Soltec Ingenieros e TripleAlpha Innovation deron a coñecer, nunha rolda de presentacións en formato pitch, as súas solucións e servizos para a transición dixital do sector alimentario.

Como colofón, foi a quenda do espazo networking, que contou cunha exposición de demos tecnolóxicas da man das socias de Clusaga AOTECH, Logicmelt e Seresco, así como con reunións B2B e, en definitiva, múltiples oportunidades de colaboración para as persoas asistentes.

Dixitalización para impulsar a competitividade do sector

Os seis proxectos que, tras un ano de execución, presentaron os seus resultados, involucraron a un total de 28 entidades socias de Clusaga, das cales sete son empresas do sector da alimentación e das bebidas ás que o Clúster acompaña na súa transformación dixital. Así, cabe destacar que IA40WASTE, MEATwin, DIG4.0VO e VitIA 5.0, foron coordinados e presentados por Clusaga, contando co apoio da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, unha iniciativa da Xunta de Galicia e Clusaga para captar Fondos NextGenEU no sector.

IA40WASTE contou coa participación de TripleAlpha Innovation, Logicmelt, Kiwi Atlántico, Pereira Productos del Mar e DIHGIGAL para cumprir o seu obxectivo de minimizar as mermas de produción das empresas alimentarias. Entre os principais resultados, salienta a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial para mellorar a eficiencia dos procesos grazas ao deseño de dashboards, así como o desenvolvemento de modelos predictivos para optimizar os principais KPIs de produción. En paralelo, aplicáronse técnicas avanzadas de visión artificial e Edge Computing para a inspección de defectos na liña de produción.

MEATwin involucrou a Jamones González, TripleAlpha, Kaizen Institute, RIA 21, ANFACO-CECOPESCA e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne para desenvolver un xemelgo dixital personalizado que permita optimizar os procesos produtivos da industria cárnica. Outras solucións desenvolvidas no marco do proxecto, todas elas dotadas de avanzadas ferramentas de ciberseguridade, foron a detección da calidade do produto mediante Visión Hiperespectral, a aplicación de técnicas de Lean Manufacturing para a mellora de procesos, ou o desenvolvemento dun sistema predictivo da demanda.

DIG4.0VO incluíu no seu consorcio a Campomayor, Pentabiol, ASM Soft, ITG e Medrar Smart Solutions para dotar ao sector avícola de posta dunha nova ferramenta que, baseada no xemelgo dixital, mellora o control da calidade, a produtividade e a sustentabilidade, e integra todos eses datos permitindo xerar escenarios de máxima eficiencia. Entre os resultados expostos tras a execución do proxecto salientan tamén a mellora da calidade do ovo e do benestar animal, grazas ás melloras na alimentación e á incorporación de novos postbióticos e formulacións baseadas na Economía Circular.

VitIA 5.0 contou con Viña Costeira, Paco&Lola, NIGAL, Perfect Numbers, Microfy Systems, Tastelab, Seresco, InprOTech e VITEC para a optimización integral de todo o proceso vitivinícola, dende a parcela de produción ata o punto final de venda. Estes resultados conseguíronse integrando as tecnoloxías de microscopía máis avanzadas para permitir unha fermentación de precisión, aplicando IoT (internet das cousas) e Machine Learning para incrementar a sustentabildiade dos procesos, implementando sistemas predictivos de calidade do viño e da demanda do consumidor, e xestionando a información a través de novos sistemas dotados dunha potente ferramenta de ciberseguridade.

Xunto co seu papel de coordinación nos catro proxectos anteriores, Clusaga participou noutras dúas iniciativas de dixitalización ao abeiro da mesma convocatoria, mais en calidade de membro do consocio: POWERLOG e AGROVOLTECH.

O primeiro proxecto, coordinado por DIHGIGAL, contou tamén con Nueva Pescanova, Visual Trans, ITG e Cuatro Digital para desenvolver unha plataforma de optimización loxística que, baseada en IA e computación cuántica, permitirá á industria alimentaria seleccionar as rutas óptimas a través de dous algoritmos predictivos que, en base a datos históricos, poden estimar o prezo e os retrasos nos servizos.

O segundo deles, liderado polo Clúster de Energía del País Vasco, e integrado tamén por Libelium, Powerfultree e PISA, desenvolveu unha ampla rede de sensórica para a orientación intelixente de placas de agrovoltaica, permitindo a obtención de enerxía no medio rural e maximizando o rendemento dos cultivos grazas ao sombreado intelixente.

Proxectos beneficiarios de HIGHFIVE

Durante a xornada tamén se presentaron PREVAI, CREAMSENS e BUPAIC, tres proxectos para a transición verde e dixital do sector alimentario financiados pola UE ao abeiro do proxecto HIGHFIVE, unha iniciativa europea na que participa Clusaga.

PREVAI, implementado por TripleAlpha e Quescrem, desenvolveu unha ferramenta de previsión da demanda e a compra baseada en IA para optimizar os procesos de produción na queixería. Pola súa banda, BUPAIC, iniciativa de AOTECH e Glaücor Ingeniería, está a traballar no deseño de sistemas continuos de medición da humidade en manteiga a través de tecnoloxía NIRS para automatizar o proceso de dosificación da auga. Para rematar, Queizuar e Anfaco-Cecopesca están a traballar en CREAMSENS, que persegue a monitorización continua de parámetros de calidade en soro lácteo mediante sensórica avanzada, optimizando así os procesos para a súa valorización.

A industria alimentaria galega avanza en dixitalización e innovación