Polo seu innovador deseño e as características técnicas do seu envase

A empresa galega H. Paniagua, premiada nos Sleeve Label Awards 2023

A empresa galega H. Paniagua, dedicada á elaboración de licores desde 1878, acaba de ser galardoada polo deseño da súa nova liña de bebidas “La Pócima”, nos Sleeve Label Awards 2023 celebrados en Ámsterdam.

A empresa galega H. Paniagua, premiada nos Sleeve Label Awards 2023
Productos da marca "La Pócima", da empresa galega H Paniagua.
Productos da marca "La Pócima", da empresa galega H Paniagua.

Estes prestixiosos galardóns, que conmemoran a súa novena edición, son os únicos premios independentes dedicados a recoñecer os éxitos máis destacados no etiquetado de envoltorios retráctiles en todo o mundo. A empresa galega recibiu unha Mención Honorífica na categoría de bebidas espirituosas polo seu innovador deseño e as características técnicas do seu renovado envase.

A compañía aposta firmemente pola innovación e a sustentabilidade, incorporando nos seus envases un pre-corte lonxitudinal e un indicativo que permite separar os distintos elementos e fomentar así a súa reciclaxe. Este aspecto, xunto co uso de “tinta invisible”, que cobra vida baixo a luz ultravioleta, e o seu exclusivo efecto táctil de area, foron aspectos que levaron á consecución deste galardón.

Para o desenvolvemento da identidade visual de La Pócima, H. Paniagua traballou con IPE Industrias Gráficas e o estudo de deseño ourensán Be:Do Creativos.

A empresa, con sede no Carballiño, é unha das beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras “Galicia Avanza”. O programa é froito da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).

A empresa galega H. Paniagua, premiada nos Sleeve Label Awards 2023