Imprimir

Os III Premios PEL recaen en Igalia, Numax e Estudio 1917 Makeup

Redacción | 20 de diciembre de 2019

Foto de autoridades e galardoados cos III Premios PEL da Deputación da Coruña.
Foto de autoridades e galardoados cos III Premios PEL da Deputación da Coruña.

A tecnolóxica coruñesa Igalia, a cooperativa cultural compostelá Numax e Estudio 1917 Makeup gañaron a terceira edición dos premios PEL da Deputación ás mellores iniciativas empresariais da provincia da Coruña, entregados este xoves no Pazo de Mariñán (Bergondo).

A Deputación da Coruña recoñece con estes galardóns as mellores empresas da provincia. 

A tecnolóxica coruñesa Igalia recibiu o galardón á Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada pola súa traxectoria de case dúas décadas no ámbito do software libre, que a sitúan como líder mundial na consultaría de tecnoloxías web, traballando coas grandes empresas internacionais do ámbito tecnolóxico.  Pechou 2018 cunha facturación de máis de 8,5 millóns de euros e conta cun cadro de persoal de 43 empregados (a maioría socios da empresa) en distintos lugares do mundo.

A empresa compostelá Estudio 1917 MakeUp, creada hai menos dun ano e especializada en maquillaxe e caracterización para producións audiovisuais e moda, foi galardoada como Mellor Inicativa Empresarial Nova. O xurado valorou a orixinalidade da idea e os numerosos traballos que desenvolven nun campo en continuo crecemento, coma o sector audiovisual galego.

No premio ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego, a galardoada foi a cooperativa cultural compostelá Numax, que desenvolve distintas actividades relacionadas co cinema e a industria cultural e que, en apenas catro anos de traxectoria, conseguiu pasar de 3 a 14 postos de traballo, 11 dos cales son como socios da cooperativa.

Como novidade, este ano os premios PEL recoñeceron tamén as iniciativas dos municipios coruñeses que traballan pola creación de emprego de calidade, onde o xurado decidiu seleccionar entre as 14 candidaturas presentadas nesta categoría ao Concello de Vedra polos seus programas de apoio ao emprendemento no rural, entre os que destaca a posta en marcha dun centro coworking localizado en Santa Cruz de Ribadulla e de xestión municipal.

Na categoría de mellor asociación empresarial da provincia impúxose a Asociación de Empresarios de Ferrolterra, polos numerosos servizos de apoio e asesoramento que presta aos seus 153 asociados dende a súa creación en 1992.

Tamén houbo un recoñecemento para o mellor comunicador/a en materia de Emprego, Industria e Economía, que recaeu na xornalista de La Voz de Galicia en Ferrol, Beatriz García Couce.

Un recoñecemento ao talento e ao esforzo

Á entrega dos III Premios PEL asistiron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo; o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos alcaldes e unha nutrida representación do mundo empresarial da provincia da Coruña.

Na súa intervención o presidente da Deputación da Coruña destacou a gran calidade das 84 candidaturas que este ano concorreron ao certame nas diferentes categorías, "unha boa mostra do enorme potencial que ten a provincia da Coruña para continuar innovando e impulsando proxectos empresariais de éxito que nos permitan seguir sendo o motor do desenvolvemento económico de Galicia", afirmou.

"Hoxe premiamos ás empresas, pero sobre todo premiamos o talento e o esforzo das persoas que hai detrás delas", afirmou o presidente, que lembrou que o Plan de Emprego Local (PEL) que dá nome a estes galardóns partiu tamén dunha idea ambiciosa: converter á Deputación, que apenas desenvolvía actividade no eido do emprego, no maior axente activo de promoción de emprego da provincia.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/protagonistas/iii-premios-pel-recaen-igalia-numax-estudio-1917-makeup/20191220173829012817.html


© 2020 Economía en Galicia

Contacto: [email protected] - [email protected]  

Aviso legal