O fomento das vocacións tecnolóxicas será unha das liñas de traballo

Fernando Suárez seguirá catro anos máis á fronte do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) presentou a súa nova xunta de goberno, tras a celebración de eleccións, nas que Fernando Suárez Lorenzo foi reelexido como presidente para os próximos catro anos.

Fernando Suárez seguirá catro anos máis á fronte do CPEIG
Nova xunta de goberno do CPEIG.
Nova xunta de goberno do CPEIG.

Desta maneira, a xunta de goberno para o período 2023-2027 confórmana, ademáis de Fernando Suárez Lorenzo como presidente, Susana Ladra González como vicepresidenta; Juan José González Cid como secretario; Roberto Vieito Raña como vicesecretario; Francisco Javier Rodríguez Martínez como tesoureiro; Lorena Otero Cerdeira como vicetesoureira e Benigno Rosón Calvo, María Pilar Vila Avendaño, José Manuel Vázquez Naya e Iván Luis Vázquez como vogais.

Suárez sinalou que “a clave é que conformamos un grupo unido que traballa para defender os intereses dos colexiados. Recibimos mensaxes de compañeiros para continuar co traballo realizado nos últimos catro anos e, xa ao rexistrarse esta única candidatura electoral, chegáronnos tamén felicitacións por esta nova etapa que agora iniciamos”.

Entre as principais liñas de traballo para esta nova etapa están a regulación profesional, a colaboración coas administracións, universidades e empresas, a difusión social da profesión e o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.

O presidente electo aproveitou a ocasión para suliñar o obxectivo do CPEIG, situando á profesión nun lugar destacado e actuando como un axente activo a nivel social. “É moi emocionante vivir nestes momentos unha profesión que está cambiando o mundo e que é un facilitador en moitos ámbitos da vida, polo que é fundamental intentar que a sociedade non teña medo á informática e ensinarlle a utilizar as súas ferramentas de forma segura e consciente”, indicou Suárez.

Fernando Suárez seguirá catro anos máis á fronte do CPEIG