Vítima dunha parada cardiorrespiratoria

Falece o conselleiro de Facenda

O conselleiro de Facenda da Xunta, Valeriano Martínez, faleceu repentinamente este mediodía no seu despacho de San Caetano, tras sufrir unha parada cardiorrespiratoria.
Falece o conselleiro de Facenda
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda, expuso las propuestas del comité de expertos.
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda e Administracións Públicas.

A propia Xunta de Galicia informaba, no seu perfil de Twitter, pouco despois das 14.30 horas do falecemento do titular de Facenda e Administracións Públicas, nun chío no que enviaba “a maior das apertas a todos os seres queridos dun traballador público que sempre estivo ao servizo do pobo de Galicia”. Nada máis coñecerse a noticia, os membros do Goberno galego anulaban todos os actos da axenda deste mércores.

Condolencias de todos os sectores

Non tardaron en chegar as condolencias. Nesta mesma rede social, o PP galego referíase ao falecemento de Valeriano Martínez sinalando que “Galicia pierde a un servidor público ejemplar. Nosotros a uno de los nuestros. Deja un importante legado político pero, sobre todo, un gran vacío personal”.

A Comisión Executiva da Unión Xeral de Traballadores de Galicia, UGT-Galicia, expresaba nun comunicado "no nome de todo o sindicato o seu pesar polo inesperado falecemento do Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez García". A UGT de Galicia manifesta "as súas condolencias e solidariedade á súa familia á vez que traslada as mesmas ao Goberno galego e ao conxunto do Partido Popular".

En nome de Comisións Obreiras, a súa secretaria xeral Amelia Pérez, trasladaba a través de Twitter ao presidente da Xunta o pésame polo falecemento de Martínez, "quen durante moitos anos foi un dos nosos interlocutores no Goberno", así como as súas condolencias á súa familia e ao PPdG.

A patronal galega amosaba, pola súa banda, o seu agradecemento "a un hombre dialogante al servicio de Galicia"

Tamén o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, utilizou esta rede para trasladar as súas condolencias e as do Goberno central á Xunta, así como á familia e amigos do conselleiro.

Igualmente o Pleno e o Comité Executivo da Cámara de Comercio de Santiago  transmitiu "o máis sentido pésame á familia, amizades e ao Goberno Galego polo repentino falecemento do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. D.E.P."

Do mesmo xeito, moitos políticos, compañeiros de formación e doutros partidos, expresaban o seu pesar polo repentino falecemento do conselleiro de Facenda.

Perfil

Valeriano Martínez García, nacido en Aldán (Cangas) en 1961, era licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria pola Escola de Alta Dirección e Administración.

Desde 1985 era funcionario do corpo superior de administración xeral da Consellería de Economía e Facenda. Ata o seu nomeamento como conselleiro de Facenda en febreiro de 2015 exerceu como secretario xeral da Presidencia da Xunta de Galicia. Anteriormente, entre outras responsabilidades, foi director xeral de Recursos Humanos do Sergas, director xeral de Transporte e auditor do Consello de Contas de Galicia.

Falece o conselleiro de Facenda