Gustavo Herva, Premio Traxectoria Profesional

O CPEIG segue desvelando os premiados da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia (CPEIG) continúa a desvelar os nomes dos premiados nas diferentes categorías que o colectivo entregará na XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, unha gala que se celebra o 1 de xullo en Santiago de Compostela,
O CPEIG segue desvelando os premiados da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na presentación de Equipos @.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na presentación de Equipos @.

O Premio Traxectoria Profesional da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia recaeu no enxeñeiro en informática Gustavo Herva Iglesias, xefe da Subárea da Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Del afirmou o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que é "un colexiado que está liderando actualmente unha área da enxeñaría informática da máis alta especialización e impacto na sociedade”, explica.

Gustavo Herva Iglesias (Fene, 1977) é enxeñeiro en informática pola Universidade da Coruña (UDC) desde o ano 2000. Traballou como consultor na empresa privada de 2000 a 2008, e incorporouse en 2008 á Administración Pública como persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. En 2010 obtén a praza de funcionario na escala de xestión de sistemas de información do corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia.

En 2021 é nomeado xefe da Subárea de Seguridade na Amtega da Xunta de Galicia, onde é responsable da definición e implantación das políticas corporativas de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais da Xunta de Galicia, sendo vicepresidente da subcomisión de Seguridade da Xunta de Galicia desde a súa creación en 2014, delegado de Protección de Datos da Amtega desde 2018 e representante da Amtega en diversos comités e grupos de traballo a nivel nacional, como o subcomité de Seguridade do comité técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica e o grupo de traballo de seguridade da comisión sectorial da Administración Electrónica.

O enxeñeiro agradece ao CPEIG e aos seus colexiados e colexiadas a concesión deste premio, que supón unha enorme satisfacción para el e que é tamén unha recompensa para o equipo de traballo e a organización na que desenvolve a súa carreira profesional no ámbito da ciberseguridade desde fai nove anos. Herva considera que iniciativas como estes galardóns do CPEIG axudan a facer visible a importante labor que desenvolven os enxeñeiros e enxeñeiras en informática na sociedade actual, sendo a ciberseguridade un campo de especialización moi importante para os titulados en enxeñería informática, con emprego garantido e nun momento de importante desenvolvemento. “Este premio dá visibilidade tamén no meu caso ao importante papel dos empregados públicos nestes procesos de transformación dixital, nos que desde as Administracións públicas se promove tamén a ciberseguridade, tanto no ámbito público como no resto da sociedade. Galicia está dando pasos importantes para impulsar a ciberseguridade no noso territorio, con iniciativas como o Nodo Galego de Ciberseguridade, no que participan, nun modelo de colaboración público-privada, todos os axentes do sector, polo que na nosa comunidade hai opcións para formarse e desenvolverse profesionalmente no campo da ciberseguridade”, asegura.

 

Outros galardoados

O CPEIG tamén desvelou nas pasadas semanas que o Premio Iniciativa Empresarial da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia será para o videoxogo ‘The Waylanders’ creado pola compañía coruñesa Gato Salvaje Studio.

‘The Waylanders’ é un xogo de rol clásico, pero cunha característica especial, a inspiración en localizacións do norte de España, especialmente en Galicia, cun toque fantástico dos mitos celtas e o oscurantismo dunha era medieval invadida por unha corrupción máxica. Ambientouse en distintos escenarios históricos como a Torre de Hércules ou a Catedral de Santiago, ademais doutras contornas como O Ézaro e Fisterra.

Gato Salvaje Studio, nace no 2010 na Coruña coa intención de converterse nunha referencia nacional da produción de videoxogos. Pioneira en crowdfunding, esta firma de videoxogos está en continuo crecemento, apoiándose na "formación, na contratación de talento galego e na innovación", explica Sergio Prieto, director creativo da compañía. Durante os últimos anos, un equipo de 36 persoas e numerosos freelances repartidos por todo o mundo traballaron na súa última historia.

Pola súa banda, o Premio Iniciativa da Administración da "XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" ao proxecto Equipos @, enmarcado no Plan Estratéxico contra a Cibercriminalidade do Ministerio del Interior. A iniciativa creouse para garantir a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios no ciberespazo. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asistirirá á Noite da Enxeñería en Informática de Galicia para recoller esta distinción concedida a Equipos @.

XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia. Os premios da Noite corresponden nesta edición a once categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

O CPEIG segue desvelando os premiados da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia