Celébrase no Campus de Ourense, o 14 e 15 de outubro

Un hackathon buscará solucións innovadoras para o desenvolvemento do turismo sostible na Eurorrexión

A Deputación de Ourense e o Concello de Ourense convocan xunto á Universidade de Vigo e o resto de beneficiarios do proxecto Emprende Makers o “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación”, a primeira edición dun encontro que nace para abordar os retos do sector turístico en Galicia e o norte de Portugal.
Un hackathon buscará solucións innovadoras para o desenvolvemento do turismo sostible na Eurorrexión
-12.00 horas: Presentación do “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación”.- O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, asiste á presentación do primeiro “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación”, sobre os retos do sector turístico en Galicia e norte de Portugal. No acto estará acompañado por Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da Escola Superior de Enxeñería Ingeniaría Informática, e Armando Ojea Bouzo, tenente alcalde do Concello de Ourense. Lugar: Escola de Enxeñería Informática (Edificio Politécnico. Campus de Ourense)
Armando Ojea, tenente alcalde do Concello de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñería Informática, e César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, na presentación do “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación”. /A.PAZ.

Este hackaton -o nome técnico dun evento que reúne a estudantes ou profesionais de diferentes ámbitos e que ten como principal obxectivo resolver desafíos nun tempo específico, curto e continuo- realizarase en formato híbrido, en liña e presencial, e a fase final celebrarase no Campus de Ourense, o 14 e 15 de outubro.

A meta desta primeira convocatoria do “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación” en Ourense é descubrir, seleccionar e premiar as mellores solucións innovadoras para o desenvolvemento do turismo sostible na Eurorrexión Galicia - norte de Portugal. As propostas poden estar centradas en calquera ámbito urbano, rural ou natural deste territorio, así como calquera outra vila, comarca ou paraxe singular.

Dende a organización do hackhaton resaltan que, dun xeito habitual, os retos abordados neste tipo de programas encádranse no ámbito da programación, o hardware ou o contido técnico. Como novidade, na convocatoria do “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación” en Ourense tamén se poden incorporar elementos de transformación dixital, xestión de procesos, deseño de proxectos e ideas e o estudo de casos, abrindo deste xeito o evento a perfís multidisciplinares e interxeracionais e facendo converxer creatividade, economía e innovación.

No contexto xeral, os convocantes do hackhaton explican que “os sectores do turismo e a cultura bríndaselles na actualidade unha oportunidade única para adoptar innovacións que lles aseguren un futuro sostible. Entre os seus desafíos está a reivención e diversifación da oferta, atraer novas audiencias e desenvolver habilidades para apoiar esta transición. Aproveitar a dixitalización, apoiar o turismo circular e promover as áreas menos explotadas son a clave para construír proxectos máis fortes, máis sostibles e resilientes”.

O obxectivo último é contribuír a unha economía máis circular e capaz de deixar un maior valor engadido no territorio, utilizando para iso a creatividade e a innovación.

A iniciativa enmárcase dentro do proxecto Emprende Makers, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A ESPAÑA - PORTUGAL (POCTEP) 2014-2020.

Un hackathon buscará solucións innovadoras para o desenvolvemento do turismo sostible na Eurorrexión