Novas convocatorias dos Bonos de Innovación, DeseñaPeme e InnovaPeme

Gain informa na Tecnópole sobre os apoios para que pemes e micropemes aposten pola innovación

A Axencia Galega de Innovación (Gain) presentou este mércores, nunha xornada celebrada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense, as axudas que ten dispoñibles para que pemes e micropemes incorporen a innovación á súa actividade.
Gain informa na Tecnópole sobre os apoios para que pemes e micropemes aposten pola innovación
Xornada de presentación dos apoios da A
No centro da imaxe, a directora de Gain, Patricia Argerey, a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa, e a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, na presentación dos apoios á innovación na Tecnópole.

O obxectivo desta xornada era dar a coñecer as novidades nos requisitos e características das novas convocatorias dos Bonos de Innovación, os Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i, e os programas DeseñaPeme e InnovaPeme, así como resolver dúbidas e propiciar un espazo de networking para o contacto entre entidades. Ademais, aquelas pemes sen experiencia que o solicitaron participaron nun obradoiro de asesoramento en materia de innovación.

Os Bonos de Innovación, dotados cun orzamento de 750.000 euros, teñen aberto o prazo de solicitude ata o 22 de febreiro. O seu obxectivo é impulsar os primeiros pasos para innovar en autónomos, microempresas, pemes e entidades do terceiro sector de acción social, e ademais permitir dar visibilidade á innovación que estas levan a cabo. Para elo, apoia a contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.

Pola súa banda, os Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i destinarán 500.000 euros en concorrencia non competitiva a apoiar a preparación de propostas tanto de pemes como de organismos de investigación, co obxectivo de impulsar a participación de entidades galegas nestes programas. Esta liña, cuxas intensidades de axuda oscilan entre o 30 e o 60%, prevese publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas vindeiras semanas.

Por último, InnovaPeme e DeseñaPeme, dotada con 4,5 millóns de euros, publicarase o vindeiro 13 de febreiro no DOG. Trátase de axudas dirixidas a pemes para financiar as actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, co obxectivo de sistematizar e fortalecer a innovación nestas empresas. A intensidade da axuda é do 50% e o importe pode oscilar entre 25.000 e 75.000 euros.

Casos de éxito

No transcurso da xornada, dúas entidades beneficiarias destes apoios en anteriores convocatorias presentaron a súa experiencia. Trátase da destilería Hermanos Paniagua, con case 150 anos de historia e ubicada no Carballiño, que obtivo un bono de innovación e unha axuda do programa InnovaPeme no ano 2023. Pola súa banda, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor) recibiu un bono de innovación no ano 2023.

Conecta Ourense como axente intermedio para a tramitación  

A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, aproveitou a súa participación no peche da xornada, para lembrar o papel de Conecta Ourense, a iniciativa posta en marcha pola confederación, para servir de nexo entre as axudas e as pemes, co fin de axudar a estas coa súa tramitación e lograr así un tecido empresarial ourensán máis innovador e moderno. ‘Conecta Ourense xurdiu para facilitar esa transición que as empresas están obrigadas a facer hoxe en día para non quedarse atrás’ salientou a presidenta da CEO. Engadiu ás súas palabras un dato significativo do 2023 que reflicte que Conecta Ourense apoiou e xestionou 35 expedientes no marco destas mesmas axudas presentadas hoxe da Axencia Galega de Innovación, principalmente, nas convocatorias de Bonos de Innovación, DeseñaPeme e InnovaPeme. Esta cifra supuxo triplicar a porcentaxe de expedientes de axudas á innovación de empresas ourensás con respecto ao período 2017-2021, o que reflicte o cumprimento na tarefa dinamizadora e de apoio coa que naceu esta iniciativa.

Máis xornadas en Ferrol e Vilagarcía

Con esta xornada, que se está a celebrar nas catro provincias galegas, a Axencia Galega de Innovación quere animar ás micro, pequenas e medianas empresas e entidades do terceiro sector social a innovar, independentemente do seu tamaño, localización, ou sector. O 2 de febreiro terá lugar outra sesión informativa en Vilagarcía de Arousa e o 6 de febreiro en Ferrol.

Gain informa na Tecnópole sobre os apoios para que pemes e micropemes aposten pola innovación