Aberta a nova convocatoria de axudas

Conecta Covid apoiará con 4 millóns de euros proxectos de investigación industrial e de innovación en produto

O Diario Oficial de Galicia publica este martes a convocatoria de axudas do novo programa Conecta Covid destinado a seguir avanzando en proxectos de I+D+i relacionados coa pandemia ao tempo que se impulsa a transición dixital das pemes galegas.
Conecta Covid apoiará con 4 millóns de euros proxectos de investigación industrial e de innovación en produto
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, deu conta desta convocatoria tras unha xuntanza que mantivo esta mañá en Santiago coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga).
O vicepresidente económico da Xunta, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, en reunión con representantes de Atiga./X.CRESPO.

Cun orzamento de 4 millóns de euros co que se prevé mobilizar 6 millóns de investimento público-privado, o programa Conecta Covid conta con dúas liñas: unha destinada a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental relacionado coa covid-19 e outra de iniciativas de innovación en produto, vinculada tamén a esta doenza.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, deu conta desta convocatoria tras unha xuntanza que mantivo en Santiago coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga). Segundo dixo, os proxectos que se presenten poderán incluír a investigación sobre vacinas, medicamentos e tratamentos, produtos sanitarios e equipos médicos, desinfectantes e equipos de protección, así como innovacións en procesos. Ao ser un programa flexible, poderán presentarse propostas de entre 150.000 euros e un millón de euros, tanto individuais como a través da cooperación de entre dúas a seis empresas.

Logo da xuntanza con Atiga, Conde resaltou o esforzo que vén realizando a Xunta para apoiar o labor dos centros tecnolóxicos galegos con axudas que, desde 2009, suman case 168,5 millóns de euros. O obxectivo neste momento, engadiu, é aliñar o traballo que realizan coas necesidades do tecido empresarial para impulsar unha industria máis dixital e sustentable.

O vicepresidente económico apuntou que, no marco dos fondos europeos Next Generation, a prioridade é que esas axudas cheguen fundamentalmente ás pemes para realizar proxectos transformadores que aposten por novas actividades máis intensivas en coñecemento. Nese sentido, recoñeceu que o dinamismo e o esforzo dos centros tecnolóxicos resulta transcendental para lograr unha maior captación de fondos. E, por iso, apelou á proactividade de todo o sistema de I+D+i en Galicia para facilitar a transferencia de coñecemento ao mercado. “A colaboración público-privada tennos que levar a que os fondos europeos sexan unha solución e unha oportunidade para o noso tecido produtivo”, apostilou.

Conde avanzou que sete empresas galegas —ou asentadas en Galicia— presentaron propostas á manifestación de interese para a implantación de centros de I+D empresarial, o que demostra o potencial do ecosistema galego de innovación para desenvolver iniciativas que xeren fortes investimentos e emprego de calidade e nas que os centros tecnolóxicos son unha peza clave.

Perte automoción

Neste contexto, o vicepresidente económico puxo en cuestión o modo en que o Goberno está a xestionar o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) da automoción por deixar á marxe as comunidades autónomas onde este sector é estratéxico, como é o caso de Galicia, de onde saíron o ano pasado un de cada catro vehículos fabricados en España.

“Hai unha opacidade evidente por parte do Goberno —dixo Conde—, e entendemos que debe rectificar e debe convocar a conferencia sectorial de Industria para poder retomar o diálogo e que os proxectos tractores vinculados coa automoción conten coas comunidades autónomas que temos empresas que están producindo automóbiles en España”. “Galicia ten moito que achegar e a aprobación dun Perte da automoción e o seu desenvolvemento ten que contar coas comunidades autónomas, co tecido produtivo e cos centros tecnolóxicos”, concluíu.

Comentarios
Conecta Covid apoiará con 4 millóns de euros proxectos de investigación industrial e de innovación en produto