22 de febreiro, Día da igualdade salarial

As traballadoras galegas cobran de media 5.000 euros menos ao ano que os homes

Senllos informes dos sindicatos UGT-Galicia e Comisións Obreiras sitúan a fenda salarial na nosa Comunidade nun 19,3%, isto é as traballadoras galegas cobran, de media. 4.725 euros ao ano menos ca os homes (19 818,26 € fronte a 24 542,83 €, con datos de 2019).

As traballadoras galegas cobran de media 5.000 euros menos ao ano que os homes
Mamen Sabio e Amelia Pérez presentaron o informe sobre fenda salarial de CCOO-Galicia.
Mamen Sabio e Amelia Pérez presentaron o informe sobre fenda salarial de CCOO-Galicia.

Con motivo da conmemoración, este 22 de febreiro, Día Internacional da igualdade salarial, Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) e UGT-Galicia denuncian que a fenda salarial entre homes e mulleres aínda se mantén no mercado laboral galego. Así, segundo a Enquisa Anual de Estrutura Salarial que elabora o INE, o salario medio das traballadoras galegas foi en 2019 (último ano do que hai datos) de 19.818,26 euros, mentres que o dos traballadores varóns foi de 25.542,83 euros.

Desde UGT-Galicia resaltan que a fenda sobe ata o 30,4% se se analiza só o sector privado (baixa ao 6,6% no sector público) e ao 35% no caso das mulleres que cobran pensións de xubilación. Por modalidade de contratación, no caso da indefinida a diferenza salarial entre mulleres e homes é de 20,4 puntos e de 12 na contratación temporal. No caso da xornada a tempo completo a fenda é dun 11,4% e do 16,5 no caso do tempo parcial. A maior idade, a fenda increméntase (para maiores de 45 anos alcanza o 21%), e en canto aos estudos, a igual nivel de estudos as mulleres sempre perciben menos salario.

Esta fenda dase en todas as ramas de actividade, sendo máis acusada na de “outros servizos persoais e de ocio” (31,4%); “servizos ás empresas” (27,1%); “comercio, reparación e transporte” (27,1%); “entidades financeiras e aseguradoras” (26,2%); e “servizos ás empresas” (27,1%). Pola contra, as menores diferenzas están na “construción e actividades inmobiliarias” (10,3%); e “servizos sociais” (17,3%). No primeiro caso, basicamente, porque o número de mulleres é escaso e as súas labores céntranse no eido técnico, comercial e de xestión, mellor retribuídas. No segundo caso, porque existe un gran peso do sector público.

Asemade, o estudo de UGT-Galicia sinala o peso específico na desigualdade que supoñen os complementos salariais, que moitas veces, denuncia o sindicato, non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables. Así, na nosa Comunidade a fenda nos pagos extraordinarios é do 27,9%. O peso que teñen os complementos salariais no caso do salario bruto anual dos homes é de 701,66 euros máis que no salario das mulleres.

Recurte da fenda nos últimos anos

Porén, o sindicato puxo en valor o feito de que a fenda salarial baixou dous puntos en relación a 2018 e é a máis baixa dos último dez anos. UGT-Galicia considera que detrás disto está a suba do SMI en decembro de 2018 dun 22,3%, o maior incremento en catro décadas. E, polo tanto, o sindicato agarda que as subas posteriores continúen mellorando a situación das mulleres, ao igual que o impacto da reforma laboral que entrou en vigor o pasado 31 de decembro, que entenden terá unha incidencia directa na contratación temporal.

Pola súa banda, a secretaria da Muller de CCOO, Mamen Sabio, salientou na presentación deste informe a importancia da reforma laboral recentemente aprobada, que ten entre os seus obxectivos “atallar a precariedade estrutural que padecen as mulleres". Porque, insistiu, “a fenda que padecen as mulleres sitúase xa no mesmo momento de comezar a relación laboral, co tipo de contrato que se asina”. De feito, hai un 15,6% máis de mulleres ca homes con contratos a tempo parcial, e un 13,13% máis con contratos temporais.

Importancia dos plans de igualdade e da Inspección de Traballo

Coñecidos estes datos, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) aposta polos plans de igualdade como “ferramenta imprescindible” para corrixir a fenda salarial que separa as mulleres dos homes en Galicia. Pero a maior parte das empresas están a incumprir coas súas obrigas: en Galicia hai aproximadamente 2.720 empresas con máis de 50 persoas traballadoras, as cales xa deberían ter asinado e rexistrado un plan de igualdade, pero o 96,4 % aínda non o fixo, denuncian desde Comisións.

Mentres, UGT esixe unha maior acción da Inspección de Traballo ou dos xulgados correspondentes no cumprimento da lei, xa que os rexistros retributivos, obrigatorios en todas as empresas españolas, e as auditorías salariais, imperativas para quen ten ou queren poñer en marcha un plan de igualdade, son imprescindibles para poder demostrar a discriminación cara as mulleres

Desigualdade salarial no sector das conservas de peixe

Na presentación do informe sobre fenda salarial, a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, puxo de exemplo de desigualdade salarial o que acontece no sector das conservas de peixe e máis o preacordo asinado por CIG e UGT coa patronal. En opinión de Pérez, este pacto “perpetúa a fenda salarial e minusvalora o papel das mulleres no mundo do traballo”. A sindicalista lembrou, entre outras desigualdades, que hai dúas categorías profesionais neste sector con similares funcións, pero unha é ocupada maioritariamente por homes e ten mellor retribución, e outra por mulleres e está peor pagada. “Cando se hai que comprometer coas mulleres é na negociación do convenio. O mellor para solucionar o conflito é un acordo de equiparación, para que a igual traballo, igual salario”, sentenciou a secretaria xeral de Comisións Obreiras.


 

Comentarios
As traballadoras galegas cobran de media 5.000 euros menos ao ano que os homes