Xornada informativa no Museo Pedagóxico de Galicia, en Santiago

A Xunta difunde a responsabilidade penal das persoas xurídicas entre as empresas de economía social

A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza este martes en Santiago unha xornada informativa enfocada a explicarlles ás cooperativas e resto de empresas da economía social as responsabilidades xurídicas ás que se enfrontan polos delitos cometidos no seu nome.

A Xunta difunde a responsabilidade penal das persoas xurídicas entre as empresas de economía social

A sesión, que se desenvolverá no Museo Pedagóxico de Galicia ao longo de toda a mañá, ten como obxectivo dar a coñecer o marco legal, tomar conciencia dos riscos e difundir as solucións e procedementos existentes ao alcance das cooperativas para a súa propia autoprotección.

A reforma do Código Penal en 2015 puxo sobre a mesa a responsabilidade das empresas nos delitos penais cometidos no seu beneficio polas persoas que traballan nelas, establecendo a propia norma os procedementos a seguir e os modelos a desenvolver para quedar exoneradas de calquera responsabilidade penal polos delitos cometidos no seu nome.

A xornada, que será inaugurada pola secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, abrirase cunha sesión na que a avogada da cooperativa Artigo 14, Eva Rosende, fará unha "Introdución á Reforma do Código Penal: a responsabilidade penal das persoas xurídicas". A continuación, a directora de Smc Compliance e presidenta do Comité Académico da World Compliance Association, Alba Lema, exporá "Os modelos de organización e xestión como eximente da responsabilidade penal".

O terceiro dos relatorios correrá a cargo do profesor de Dereito Mercantil da USC, José Antonio Monero Vilar, que presentará o estudo "Código Ético: do provedor ao cliente", realizado no Centro de Estudos Cooperativos Cecoop, onde traballa como investigador.

O fiscal provincial do Grupo de Delitos Económicos da Coruña e editor do blog En ocasiones veo reos, Juan Antonio Frago Armada, explicará cales son "Os requisitos para condenar ás persoas xurídicas en España. A visión da Fiscalía".

Por último, como peche da xornada, a compliance officer, María José Picallo, presentará o plan de Compliance que se está implantando nas Cooperativas Lácteas Unidas (Clun).  

Comentarios
A Xunta difunde a responsabilidade penal das persoas xurídicas entre as empresas de economía social