Organizado pola iniciativa Conecta Ourense

O II Foro Think Tank de Verín pon en valor as oportunidades e alternativas para innovar e competir no rural

O tecido empresarial de Verín participou este mércores no II Foro Think Tank da iniciativa Conecta Ourense, un foro que foi organizado pola Confederación Empresarial de Ourense coa colaboración de Aever e o apoio da Xunta a través do Igape e a Axencia Galega de Innovación, entidades que presentaron os mapas de apoios para o vindeiro ano.

 

O II Foro Think Tank de Verín pon en valor as oportunidades e alternativas para innovar e competir no rural
O tecido empresarial de Verín participou no II Foro Think Tank, organizado no Castelo de Monterrei.
O tecido empresarial de Verín participou no II Foro Think Tank, organizado no Parador de Verín.

Dando continuidade ao foro celebrado no mes de setembro en Valdeorras, o encontro deste mércores tivo lugar en Verín, a segunda comarca na que Conecta Ourense ten oficina física. Entre o público asistente había representación dos sectores máis salientables da comarca como viño, téxtil, servizos, comercio, turismo rural, agroalimentario, e tamén de entidades públicas e privadas. Do mesmo xeito, acudiron os alcaldes de municipios da comarca como o de Monterrei, José Luis Suárez, ou o de Verín, Gerardo Seoane, ademais de representantes doutros, como o de Riós.

Na inauguración do foro, estiveron presentes o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o director do Igape, Fernando Guldrís, a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, e o xerente de Aever, José Ángel Rodicio, quen comezou agradecendo a instalación da oficina de Conecta Ourense na comarca, xa que "os que a precisen teñen un punto ao que acudir para recibir asesoramento e axuda, sobre todo á hora de analizar o seu potencial e solicitar subvencións acordes a el ou aos seus proxectos"; e lembrou que o rural precisa dunha auténtica revolución que faga que a xente se anime a emprender nel, e poder así fixar poboación, empresas e servizos.

Pola súa banda, Marisol Nóvoa remarcou que "a oportunidade e o momento para celebrar estes laboratorios de ideas é aquí e agora, trasladando estas propostas e outras que sirvan para facer fronte aos desafíos que ten por diante toda a sociedade e o modelo económico, pero sobre todo, as contornas rurais", e confiou en que o programa Conecta Ourense se estenda tamén no 2023 para poder achegar estas propostas a outras comarcas da provincia.

Fernando Guldrís, director do Igape, salientou o esforzo da Xunta a través do Igape por levar adiante iniciativas para ‘fomentar e promover a creación e consolidación das empresas no rural’. En concreto, Guldrís fixo alusión a programas como Galicia Rural Emprende, destinado a apoiar a creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación de actividades económicas non agrarias viables, e que destinou 13,5 millóns de euros para apoiar preto de 250 novas iniciativas empresariais. A rede de espazos coworking tamén foi comentada polo director do Igape, como ‘outro exemplo de colaboración, neste caso coa Escola de Organización Industrial (EOI), aberta a todo tipo de proxectos e enfocada, especialmente, ao ámbito rural, un ámbito no que cremos que hai moitas oportunidades en Galicia’.  

Intelixencia artificial e márketing dixital 

A tecnoloxía e a dixitalización aplicada ás empresas tamén no rural, foi o fío condutor das primeiras intervencións, que puxeron sobre a mesa experiencias prácticas de aplicacións de intelixencia artificial e márketing dixital para conseguir maior produtividade e visibilidade dos negocios rurais. O actor e director Rubén Riós, emprendedor da contorna, fixo de mestre de cerimonias para dar paso aos participantes, que compartiron reflexións e propostas de valor para implantar nas actividades, negocios e empresas do rural. Os ponentes expuxeron iniciativas para que as empresas consigan  unha mellor competitividade coa súa propia experiencia profesional ou empresarial.

Na primeira explicación interviu Gerardo Portugués, especialista en xestión documental do grupo Solitium, quen explicou o sistema Docuware para levar a cabo unha xestión documental e automatización de procesos con intelixencia artificial. A indexación de documentos, almacenamento e recuperación de arquivos e a integración con todos os sistemas son vantaxes desta solución que calquera empresa de calquera sector pode implantar para aforrar tempo, custos e gañar en produtividade.

Pola súa banda, Sonia Villamarín de Na Beirarrúa, protagonizou a experiencia inspiradora do márketing dixital especializado en negocios locais e contornas rurais. A axencia dixital Na beirarrúa nace co fin de axudar aos negocios locais no mundo dixital, entendendo e sabendo de primeira man cales son as súas necesidades e problemas. Sonia profundiu nas posibilidades que internet e as redes sociais poñen ao dispor dos comercios de proximidade co fin de realizar campañas, aumentar vendas ou potenciar a súa presenza en liña, compaxinando esta coa tenda física.

Financiación e liñas de apoios

A continuación tivo lugar a mesa correspondente ao financiamento e liñas de apoio para as empresas e entidades do rural, apartado no que interviñeron técnicos do Igape e Gain e novamente a presidenta da CEO Marisol Nóvoa, para facer un balance de Conecta Ourense. Desde febreiro, mes no que botou a andar este proxecto, "as empresas participantes en accións deste tipo e que se informaron ou recibiron asesoramento a través de Conecta Ourense foron 328, das que 136 estableceron un feedback para axudalas na tramitación de axudas vixentes".

Acto seguido, os técnicos de Igape, Miguel Fidalgo, e a Axencia Galega de Innovación (Gain), Carlos Vaamonde, repasaron as liñas de apoio habituais facendo especial fincapé nas novidades que presentan para 2023, un mapa de apoios que pretende a simplificación dos procesos para presentar as solicitudes e apoiar con asesoramento como obxectivos principais.

Así, convocatorias de nova creación como Integra, que aposta pola mellora de infraestruturas de centros tecnolóxicos e fortalecer as súas capacidades, ou as novas Misións RIS3, que financian grandes programas cooperativos de temáticas concretas e prioritarias para Galicia terán cabida con outras liñas como Innova Peme e Deseña Peme, o Programa Ignicia Proba de Concepto, ou Conecta Peme, por parte da Axencia Galega de Innovación.

O técnico do Igape lembrou as liñas no eido da competitividade como o programa Reacciona,  da Industria 4.0, os obradoiros de dixitalización e economía circular,  na que destacou una nova liña para promover modelos de negocio circulares. Os apoios de Galicia Inviste, as liñas no eido do financiamento ou as distintas axudas á internacionalización completaron este repaso por parte do Instituto Galego de Promoción Económica.

Como broche final do foro tivo lugar unha experiencia sensorial de cata do viño da denominación de orixe Monterrei con neuromarketing para conectar produtores e consumidores da mao de Juan Graña, profesional con máis de 20 anos de experiencia no mundo do márketing en empresas nacionais e multinacionais. 

Comentarios
O II Foro Think Tank de Verín pon en valor as oportunidades e alternativas para innovar e competir no rural