Convocan manifestacións en nove cidades e vilas galegas

UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a saír á rúa este Primeiro de Maio

Os sindicatos CCOO de Galicia e UGT-Galicia presentaron este mércores os actos e mobilizacións convocados para este Primeiro de Maio, nos que demandarán emprego estable, salarios xustos, pensións dignas e máis protección social.

UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a saír á rúa este Primeiro de Maio
José Antonio Gómez Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretarios xerais de UGT e CCOO en Galicia,
José Antonio Gómez Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretarios xerais de UGT e CCOO en Galicia,

José Antonio Gómez Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretarios xerais de UGT e CCOO en Galicia, respectivamente, presentaron en Santiago os actos deste Primeiro de maio e fixeron fincapé en que "xa non hai escusas, cando día tras día escoitamos mensaxes triunfalistas da marcha da economía, en contrapartida vemos como a maioría da cidadanía está sendo unha unha mera espectadora desta melloría. Incidiron en que ambos sindicatos esixen que sexa unha protagonista máis da mesma".

Constataron que a tímida mellora da situación do emprego está ensombrecida "por máis e máis precariedade; aqueles que teñen un posto de traballo están a ver día tras día diminuídos os seus ingresos, ter un traballo xa non garante ter unha vida  digna; ingresos que tamén ven diminuídos os pensionistas deste país que nos peores momentos da crise foron un dos principais baluartes para sustentar a moitas familias; e aqueles que continúan en situación de desemprego, moitos aínda, ven como resulta cada vez máis difícil acceder aos instrumentos de protección social habilitados e cando o fan as contías son cada vez menores", sinalan nun comunicado conxunto.

Os sindicalistas reseñan que aínda que a economía medra (o PIB xerado en Galicia no 2016 medrou, en relación ao 2007, previo ao estalido da crise, en 1.611 millóns de euros) este crecemento non vai acompañada dunha mellora no emprego. "De feito, entre o cuarto trimestre de 2007 e o cuarto trimestre de 2016 perdéronse en Galicia más de 146.000 ocupados", salientan.

UGT- Galicia e CCOO en Galicia tamén chaman a atención sobre o paro de longa duración, que alcanza o 58,2% na actualidade, e sobre a taxa de cobertura, que non supera os 52,7 puntos, quedando fóra do sistema de protección 110.000 galegos en situación de desemprego.

Nesta rolda de prensa previa á celebración do Primeiro de Maio, os secretarios xerais de CCOO e UGT en Galicia denunciaron que “véndennos unha situación de bonanza que as familias non perciben. Esta situación non é sostible e non é xusta. Chegou o momento no que os traballadores deben beneficiarse do crecemento económico con máis e mellor emprego”.

Manifestacións

Os dous sindicatos estatais convocan manifestacións para o 1 de maio en nove cidades e vilas galegas. Na Coruña, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, Viveiro e Ferrol serán a mediodía, en Vigo ás 11:30 horas e en Lugo ás 12:30 horas.

UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a saír á rúa este Primeiro de Maio