O domingo 19 de febreiro

Os sindicatos CCOO e UGT convocan mobilizacións en defensa de empregos e salarios "dignos"

CCOO e UGT convocan mobilizacións nas principais cidades e vilas galegas o vindeiro domingo, día 19, para denunciar que "mentres soben os prezos, os salarios perden poder adquisitivo e aumenta a desigualdade".

Os sindicatos CCOO e UGT convocan mobilizacións en defensa de empregos e salarios "dignos"

UGT e CCOO explican que nos últimos anos a cidadanía tivo que afrontar "a perda progresiva de poder adquisitivo dos salarios, das pensións e das rendas de protección, o que está a xerar un crecemento sostido da desigualdade". "Isto é consecuencia do forte aumento do desemprego e da xeralización da precariedade laboral, así como da suba dos prezos das subministracións básicas, electricidade, gas e auga", argumentan nun comunicado de prensa.

"A imposición de políticas de austeridade e continuos recortes, tanto no eido social como laboral, disparou as taxas de desemprego ata niveis insoportables e provocou a dualidade do mercado de traballo. Isto derivou nunha sociedade máis empobrecida e nun retroceso inxustificado de dereitos sociais e laborais", prosegue o documento.

Amáis, afirman, a "tímida" recuperación económica que se rexistra desde o 2015 "non está a chegar nin aos salarios nin á rede de protección social. E, por se fose pouco, a cidadanía tense que enfrontar á suba do custe dos servizos básicos".

Os sindicatos culpabilizan aos gobernos e ás organizacións patronais "da suba incontrolada dos prezos, da perda de poder de compra dos salarios, das pensións e das rendas de protección.

Por estes motivos, os dous sindicatos estatais chaman a cidadanía galega a saír á rúa este domingo "contra o encarecemento da vida, especialmente contra a suba dos servizos básicos esenciais".

Os sindicatos CCOO e UGT convocan mobilizacións en defensa de empregos e salarios "dignos"