Informe de UGT-Galicia

O número de parados de longa duración duplicouse durante a crise, ata o 58,2%

Dos 204.200 parados cos que contaba Galicia ao peche de 2016, 118.900 son desempregados de longa duración.

O número de parados de longa duración duplicouse durante a crise, ata o 58,2%

Durante a crise económica, a cifra de parados de longa duración, isto é, aqueles que levan doce meses como mínimo buscando emprego e non traballaron durante ese período, duplicouse, pasando do 27,7% en 2007 ao 58,2% na actualidade.

Segundo un informe sobre o paro de longa duración en Galicia de UGT-Galicia, elaborado a partir de da Enquisa de Poboación Activa, aquelas persoas que levan dous ou máis anos en busca de emprego representan xa o 43% do total (88.800 persoas), cando en 2007 eran só 16.000 (o 16,6%). E se se baixa un chanzo máis, o de aqueles que levan sen traballar catro o máis anos, son a cuarta parte do total de desempregados , 49.100 persoas.

Uns datos que, a xuízo do sindicato, “son desoladores e evidencian un problema que xa se converteu en estrutural, nunha gran lacra para a que, á vista dos datos, a Xunta non parece atopar solución”.

Reclaman cambios na política de emprego

Para UGT-Galicia as estatísticas evidencian que “os mecanismos articulados pola Xunta en materia de emprego non funcionan”. Neste contexto, o sindicato reclama un cambio das políticas económicas “para consolidar un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, así como a diminución das desigualdades que, como mínimo, debería pasar por: unhas contas públicas ao servizo das persoas e apostar polo emprego de calidade cun cambio de políticas”. Así, as políticas activas de emprego deben destinarse a elevar a empregabilidade dos traballadores empregados e desempregados e non a bonificar a contratación das empresas, apuntan desde o sindicato.

Neste senso, UGT- Galicia critica o recorte da dotación para políticas activas de emprego nos orzamentos da Xunta, que diminuiu en máis de 137 millóns de euros dende o ano 2008, de 378,7 millóns de euros a 241,9 millóns nos deste ano.

Comentarios
O número de parados de longa duración duplicouse durante a crise, ata o 58,2%