Promovidas polo Consorcio

O 21 de abril remata o prazo para solicitar as axudas para a mellora dos locais comerciais da zona vella de Santiago

Ata o 21 de abril poden presentarse solicitudes ao “Programa Localízate” do Consorcio de Santiago, que destina 150.000 euros en axudas para mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior e o acondicionamento interior dos locais comerciais situados no ámbito do Plan Especial de Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago.

O 21 de abril remata o prazo para solicitar as axudas para a mellora dos locais comerciais da zona vella de Santiago

Estas subvencións enfócanse de maneira prioritaria á realización de obras que melloren a accesibilidade. Ademais, búscase favorecer a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire), mellora da imaxe externa, obras de mellora do interior, acondicionamento acústico e tamén se subvencionan os honorarios de redacción do proxecto e dirección técnica da obra.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os usuarios legais dos locais, tanto persoas físicas como xurídicas, e actúen como propietarios, arrendatarios ou que ostenten algún dereito de uso sobre eles. En canto aos locais, deberán reunir as condicións suficientes de seguridade estrutural e estanquidade fronte á choiva; o edificio no que se localice o establecemento deberá ter unha antigüidade superior aos 20 anos. Deberán estar nunha planta baixa, semisoto ou primeiro soto ou en plantas altas se están vencelladas co local da planta baixa. Ademais, terán que contar con fachada á vía pública.

En canto á avaliación das solicitudes, darase preferencia á mellora da accesibilidade do local. Tamén se primará a redución do consumo enerxético e a mellora da súa imaxe exterior, así como a apertura de novos locais actualmente sen uso. Respecto á actividade da empresa, valorarase a súa repercusión no desenvolvemento do tecido económico local. O orzamento mínimo subvencionable será de 3.000 euros e o máximo de 30.000 euros. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.

O 21 de abril remata o prazo para solicitar as axudas para a mellora dos locais comerciais da zona vella de Santiago