Buscar
13:16h. Lunes, 15 de Octubre de 2018

Este xoves, na Facultade de Ciencias Económicas

Xosé Manuel Beiras e Xaime Barreiro inauguran os Coloquios de Economía Aplicada na USC

Os profesores Xosé Manuel Beiras Torrado e Manuel Jaime Barreiro Gil inaugurarán este xoves 15 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC) os "Coloquios de Economía Aplicada: análise en clave galega", que se van celebrar periodicamente ata o mes de maio.

Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

A sesión, a desenvolver ás 12.00 horas na aula B do centro, leva por título ‘Economía política versus Economics: o Estado e a economía’, e está aberta a público en xeral.

Os profesores Beiras e Barreiro contan cunha dilatada experiencia profesional no eido académico, o primeiro no campo da Estrutura Económica e o segundo no de Historia Económica, formando parte do Departamento de Economía Aplicada da USC. Ademais do seu extenso currículo académico, cabe destacar tamén o seu compromiso político en diferentes momentos da súa vida ocupando diversos postos representativos e/ou da administración pública.

Con estes coloquios, organizados por Xoán Ramón Doldán García e Rosa María Regueiro Ferreira, trátase de establecer unha relación interxeracional entre estudantes, docentes e público en xeral á vez que pór en valor a investigación e o pensamento económico desenvolvido en diversos campos no ámbito da economía aplicada ao longo de varias décadas e ata a actualidade. Nas distintas sesións afondarase na análise da situación económica actual, do seu impacto na relación cidadanía-institucións e a súa afectación sobre os proxectos de transformación de Galicia.

En cada sesión participarán dous representantes do profesorado do departamento de Economía Aplicada, preferentemente de dúas xeracións diferentes, referentes no seu campo de especialización.