Buscar
12:33h. Lunes, 15 de Octubre de 2018

Recoñece investigacións sobre desenvolvemento rural e cooperación e economía de Galicia

A USC entrega os premios Jesús García Calvo e Valentín Paz Andrade

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) entregou este luns os galardóns da cuarta edición dos premios Jesús García Calvo en investigación en desenvolvemento rural e cooperación e Valentín Paz Andrade en Economía de Galicia. 

Autoridades e premiados no patio do Colexio de Fonseca./USC.
Autoridades e premiados no patio do Colexio de Fonseca./USC.

A xornada comezou coa conferencia do ex presidente da Xunta de Galicia, o profesor Emilio Pérez Touriño, titulada ‘Retos e perspectivas da economía galega’ e contou como integrantes da mesa presidencial, ademais do reitor da USC, Juan Viaño, do presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez; da presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro; e do director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), Alberto Meixide.

A entrega de galardóns principiou cos correspondentes ao Premio Jesús García Calvo na modalidade de teses de doutoramento, Traballos Fin de Grao e Máster. En teses resultou premiada Xiana Rodil Fernández por 'Mercantilização turística da agricultura. Uma leitura das recomposições dos espaços rurais galegos’, de quen o xurado destacou “a relevancia do obxecto de estudo da tese e a orixinalidade do enfoque e a metodoloxía da investigación”. Ademais, a análise realizada supón “unha contribución de notable interese para o deseño de políticas públicas que permitan compatibilizar o desenvolvemento turístico coas actividades agrogandeiras no medio rural”.

O segundo dos premios outorgados na modalidade de TFM/G foi para Rubén Rey París por ‘Forza da unión gandeira. Cooperativismo e sociedades agrarias de transformación en Mazaricos’. En opinión do xurado o premio vén destacar un estudo de caso “ben articulado e deseñado e que achega conclusións interesantes sobre o papel das cooperativas e outras fórmulas asociativas nun dos principais concellos gandeiros de Galicia”. O xurado acordou declarar deserta a modalidade de textos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas.

Pola súa banda, o Premio Valentín Paz Andrade na modalidade de traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recaeu no artigo ‘Obesity: a major problem for spanish minors’ publicado no volume 24 da revista Economics and Human Biology asinado por Manel Antelo, Pilar Magdalena e Juan Carlos Reboredo. O premio quere recoñecer o carácter innovador do traballo ao abordar un tema escasamente estudado. As súas conclusións, “a partir dunha análise rigorosa de variables demográficas, socioeconómicas e de hábitos de vida, contribúen a mellorar a información necesaria para deseñar e implementar políticas de saúde pública de prevención e tratamento da obesidade infantil”, explica no seu ditame o xurado.

Na modalidade de teses de doutoramento foron premiados ex aequo Fernando Corbelle Cacabelos por ‘Pobreza: conceptos, enfoques y métodos de análisis. Tres ensayos de medición aplicada: España y Eurorregión de Galicia‐Norte de Portugal’ e Diana Fernández Méndez por ‘Envejecimiento y protección social de la dependencia en España: efectos sobre el Empleo’. A decisión do xurado “subliña en ambos casos a relevancia do obxecto de estudo, abordando dúas problemáticas cunha gran proxección social. Nas dúas teses valorouse a exhaustividade e o rigor das análises realizadas o que permite tirar conclusións relevantes na definición das políticas relacionadas tanto coa provisión dos servizos de atención á dependencia como coa redución da pobreza”.

O acto rematou coa intervencións do presidente da Fundación Feiraco, da presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, e do reitor, que clausurou o acto. En opinión de Viaño, os traballados premiados reflexan que “o estudo da realidade complexa na que nos movemos, require modelos de análise interdisciplinar e transversal que combinan de forma natural achegas e coñecementos de múltiples campos como a socioloxía, a psicoloxía e a economía, ou doutros que incluso poden parecer máis distantes como son a economía e a medicina”. En conxunto, os autores premiados “demostrades que é posible facer investigación de calidade en ciencias sociais na universidade, pensando nos problemas inmediatos da sociedade galega”, engadiu Juan Viaño.