Buscar
00:17h. Martes, 21 de Agosto de 2018

XORNADA SOBRE COMERCIALIZACIÓN E MARKETING INTELIXENTE

O Foro pola Economía Social Galega destaca a súa contribución á creación de riqueza e emprego na Comunidade

A economía social suma en Galicia 7.000 empresas, emprega a 320.000 persoas e representa un 10% do PIB. Son datos que achegou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, durante un acto celebrado en Santiago polo Foro pola Economía Social Galega.

José Antonio Vázquez (Cegasal); Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego; Célso Gándara, voceiro do Foro; Francisco Conde, conselleiro de Economía e Emprego e Industria, y José Montes, presidente de Agaca.
José Antonio Vázquez (Cegasal); Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego; Célso Gándara, voceiro do Foro; Francisco Conde, conselleiro de Economía e Emprego e Industria, y José Montes, presidente de Agaca.

Francisco Conde,  que participou na clausura do networking sobre comercio dixital organizado polo Foro pola Economía Social Galega, puxo en valor a economía social e os valores que promove para acadar un sistema produtivo máis solidario, máis xusto e máis sustentable.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que, por iso, a Xunta está ao carón da economía social, salientando que o Goberno galego aumentou este ano nun 6,4% os orzamentos destinados a este ámbito, outorgando, ademais, un 35% máis de axudas ás entidades asociativas da economía social con respecto a 2017. Así mesmo, indicou que nestes momentos o orzamento destinado a este sector está practicamente activado.

Entre as medidas que se están a poñer en marcha neste eido, avanzou que a próxima semana publicaranse no Diario Oficial de Galicia as axudas do programa de laboratorios cooperativos no rural. Esta medida, destacou Conde,  conta con 500.000 euros de orzamento para o desenvolvemento de 15 novas cooperativas ou sociedades laborais. 

Por último, o conselleiro afirmou que a Xunta seguirá avanzando noutras iniciativas "e unha das prioridades do Goberno galego é agora dar luz verde, co consenso do sector, á Estratexia galega da economía social coa que se pretende sumar capacidades, sustentabilidade, identidade e compromiso".

Previamente, o portavoz do Foro pola Economía Social Galega, Célso Gándara, referíase a esta futura Estratexia coma "unha oportunidade para que os proxectos socio-empresarias das nosas empresas se consoliden".  Gándara salientou o feito de que "que as nosas empresas pertenzan o foro significa coñecernos e recoñecernos que de formas as veces distintas contribuímos a crear riqueza na Galicia rural e na Galicia urbana, que distribuímos riqueza, que cohesionamos o territorio, que apostamos pola igualdade de oportunidades de mulleres e homes, que contribuímos a xeración de emprego e de forma singular o das persoas con discapacidade e persoas en situación de exclusión".

Nesto senso, recoñeceu que pertencer o foro "significa tamén ceder unha parte da nosa soberanía en beneficio dos intereses conxuntos, en definitiva en beneficio do interés xeral".

Celso Gándara Foro dixo que o Foro de Economía Social terá éxito "se logramos un equilibrio no tempo entre o que damos e o que recibimos, tanto as entidades representativas como as propias empresas asociadas. Se damos xenerosidade recibiremos xeneroxidade, se damos coñecemento, recibiremos coñecemento, se damos oportunidades, recibiremos oportunidades e se damos confianza recibiremos confianza".

O evento colectivo, celebrado en Santiago trala celebración das  asambleas xerais de cada unha das organizacións, consistiu nunha xornada de traballo sobre comercialización e marketing intelixente. “Como aplicar Internet á estratexia e á internacionalización da empresa” foi o título da exposición, a cargo de Dori López Nieves, actual responsable de Desenvolvemento do Negocio en Amvos Digital e que durante anos colaborou dando clases na Escola de Organización Industrial asesorando aos empresarios no mundo do negocio online.

Posteriormente, tivo lugar un xantar e un "meeting" no que participaron os representantes de Agaca, Cegasal, EspazoCoop e Aeiga.

O Foro en cifras

O Foro pola Economía Social Galega, presentouse o pasado marzo en Santiago de Compostela. Está constituído pola Unión de Cooperativas de Galicia (EspazoCoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Estas entidades representan a 371 empresas, cun volume de ingresos de 1.916 millóns de euros anuais en su conxunto e 9.300 empregos directos.