Buscar
19:56h. Lunes, 12 de Noviembre de 2018

Gadisa, Casa Grande de Xanceda, o HULA, Down Galicia e o Colexio rural agrupado de Ponteceso, premiados

Expourense recoñece o compromiso coa calidade e o medio ambiente

Expourense conmemorou este xoves o Día Mundial da Calidade cunha xornada de exaltación e a entrega da oitava edición dos Premios "Líderes en Calidade".

Autoridades e galardoados cos Premios "Líderes en Calidade", en Expourense.
Autoridades e galardoados cos Premios "Líderes en Calidade", en Expourense.

Cinco empresas e institucións galegas foron recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores e das que destaca o seu compromiso coa calidade e co medio ambiente: Casa Grande de Xanceda, no sector alimentación; Gadisa, en medio ambiente, o Hospital Lucus Augusti, en sanidade, o Colexio Rural Agrupado de Ponteceso, en educación, e por primeira vez, na categoría de servizos sociais, Down Galicia. 

A xornada comezou coa intervención do director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e o director da Rexión Atlántica de AENOR, Martín Pita,  dous grandes defensores da implantación de sistemas de xestión de calidade, medio Ambiente e da Responsabilidad Social Corporativa nas empresas galegas e que insistiron en que “a calidade é un punto de encontro que nos fai sentir cómodos porque a todos nos gustan facer as cousas ben” e indicaron que xa un aspecto básico na competitividade empresarial.

Tras eles, cada unha das empresas ou institucións distinguidas realizou unha intervención sobre a súa experiencia ao incorporar a calidade e o medio ambiente ao seu modelo de xestión. 

A traxectoria de Casa Grande de Xanceda foi presentada polo seu xerente, Guillermo Martínez e pola súa responsable de calidade, Nuria Garaboa. Baixo a máxima do presidente da empresa de “Calidade, calidade, calidade” e de ofrecer “cercanía e transparencia”, Casa Grande de Xanceda está ubicada en Mesía (A Coruña) e está celebrando o seu 50º aniversario. É unha granxa familiar que produce leite e produtos lácteos ecolóxcios e de calidade. Ten 40 traballadores, 200 hectáreas de prados e bosques nos que pasean e pacen 380 “vacas felices”. Foi unha das primeiras ganderías lácteas en converterse en ecolóxica, e na actualidade é o segundo maior produtor ecolóxico de España. Son todo un referente nos produtos elaborados con leite fresco e de pastoreo.

A presentación da política medioambiental de Gadisa correu a cargo do seu xefe de publicidade, José Luis Fernández Astray, que explicou que esta empresa vén desenvolvendo unha estratexia de sustentabilidade ambiental que, a grandes liñas, baséase en tres alicerces fundamentais: eficiencia enerxética, aprovisionamento sustentable e redución de residuos e emisións. Para cada un destes obxectivos intégrase unha serie de actuacións e melloras coa premisa de engadir valor ao servizo minimizando o impacto xerado. En canto á Responsabilidade Social Corporativa, Gadisa unha gran importancia ao seu propio programa, no que se implican tanto os traballadores como o equipo directivo. En 2017 colaborou con 2.137 accións. Ten ademais, especial coidado na selección dos seus proveedores que prefiere que sexan locais e ecolóxicos.

A presentación do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) correo a cargo do seu xerente, Ramón Ares.Son un complexo sanitario público que da emprego directo a 5.500 traballadores e que atenden un área na que habitan 350.000 persoas. Entende a calidade como unha ferramenta de xestión para mellorar a calidade do servizo e a seguridade do paciente. Situado en Lugo, o HULA foi inaugurado no ano 2011 e está recoñecido como un centro orientado ás necesidades das persoas, aberto e accesible, e integrado na rede de Atención Primaria, centros hospitalarios públicos da provincia e outros centros de referencia de Galicia. Consolidouse como un hospital resolutivo e responsable na xestión dos seus recursos manténdose ao nivel dos mellores centros de España. Cun modelo de xestión e atención orientado á calidade total, que aplica a mellor evidencia, impulsa as alianzas e apóiase  solidamente nas novas tecnoloxías.

Situado en Ponteceso (A Coruña), o Centro Rural Agrupado Ponteceso é un colexio especial, un centro formado por outros centros pequenos, escolas unitarias, nas que se escolarizan nenos e nenas pertencentes a distintos niveis educativos: Educación Infantil e primeiros ciclos de Educación Primaria. A presentación correu a cargo da súa directora Rosa Barreiro acompañada pola xefa de estudos, Ana Montáns e pola secretaria do centro, Paula Souto. A súa meta é que o alumnado aprenda vencellado ao medio que lle rodea sen que isto signifique caer no illamento. A súa política de calidade está baseada en detectar as necesidades e expectativas das partes interesadas e darlles saída a base de “correxir e mellorar”.

A presentación de Down Galicia correu a cargo da súa directora, Sonia Caldas, quen indicou que a “calidade xera credibilidade e recoñecemento social”. Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro, que agrupa ás sete asociacións específicas para a síndrome de Down da Comunidade Autónoma de Galicia. Os principios que rexen a súa actividade son: diversidade, dignidade, autodeterminación, igualdade de oportunidades e inclusión.

Os Premios "Líderes en Calidade" foron entregados por membros do Padroado de Expourense como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a secretaria da delegación territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Jorge Pumar; e o vicepresidente da CEO; José Manuel Díaz. Ademais das empresas recoñecidas, entregouse un premio especial ao director de AENOR na rexión Atlántica, Martín Pita, que presentou e moderou estes premios durante as súas oito edicións.