Buscar
23:52h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

CAMPAÑA "DÍAS AZUIS DO COMERCIO GALEGO"

O comercio galego premiou con 16.000 euros a fidelidade da súa clientelate

Este xoves tivo lugar en Santiago a entrega de premios da campaña "Días azuis do comercio galego", que a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia co apoio de Abanca, desenvolveron do 16 ao 30 de xuño en toda a comunidade.

Entrega de premios da campaña "Días azuis para o comercio galego".
Entrega de premios da campaña "Días azuis para o comercio galego".

No acto, no que participaron a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e o director da Rede Comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa, entregáronse 16.000 euros en tarxetas prepago de 500, 300 e 150 euros, que previamente se sortearon entre todas as persoas que mercaron nos establecementos de proximidade durante a duración da campaña, na que se rexistraron preto de 70.000 participacións. Estas tarxetas, achegadas por Abanca, deberán ser utilizadas para comprar novamente no comercio de proximidade galego, durante todo o 2017.

A iniciativa, impulsada pola Xunta e a Federación Galega de Comercio en colaboración coas federacións provinciais de comercio e as asociacións e centros comerciais abertos, ademais de Abanca, tiña por obxectivo dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade e premiar a fidelidade dos seus clientes

"Días azuis" é unha campaña enmarcada no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, dentro do cal, salientou a directora xeral, véñense de conceder apoios que permitirán mobilizar preto de 2 millóns de euros na modernización e excelencia das prazas de abastos galegas, así como no impulso a novas iniciativas comerciais, coa posta en marcha de Espazos activos de emprendemento comercial no rural.