PROMOVIDO POLA DEPUTACIÓN

78 empresas coruñesas optan ao II Premio provincial á mellor iniciativa empresarial

Un total de 78 empresas presentaron as súas candidaturas ao II Premio provincial á mellor iniciativa empresarial, que convoca a Deputación da Coruña dentro do seu Plan de Emprego Local (PEL).

78 empresas coruñesas optan ao II Premio provincial á mellor iniciativa empresarial
O presidente da Deputación da Coruña nunha presentación do Plan de Emprego Local.
O presidente da Deputación da Coruña nunha presentación do Plan de Emprego Local.

A segunda edición do premio conta con tres categorías, dotadas con 25.000 euros cada unha. O galardón para a Mellor Iniciativa Empresarial Nova está dirixido a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade, mentres que a Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada destínase a aquelas empresas que conten con máis de cinco anos de actividade. Como novidade principal nesta edición, premiaranse tamén ás iniciativas empresariais socialmente responsables que contribúan ao crecemento sostible da provincia nos ámbitos económico, medioambiental e social.

A participación no certame supera á do ano pasado, cando se presentaron 70 candidaturas, entre as que resultaron gañadoras a pontesa EVASA e a startup compostelá E-monte.

A maioría das empresas que aspiran ao II Premio PEL teñen o seu domicilio no municipio da Coruña (28), seguido por Santiago de Compostela (12). Tamén hai presenza de iniciativas de Ferrol (6), Ames (5), Bergondo (5), As Pontes (3), Oleiros (2), Culleredo (2), Noia (2), Ordes (2), Sada (1), Narón (1), San Sadurniño (1), Cambre (1), Paderne (1), Cerceda (1), Cedeira (1), A Pobra do Caramiñal (1), Miño (1), Valdoviño (1) e Cee (1).

Os ámbitos de actividade das empresas son moi variados, destacando ás dedicadas ás novas tecnoloxías da información e á programación informática, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio en liña e desenvolvemento de aplicacións. Tamén concorren a este segundo premio empresas dos sectores da alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.

Os gañadores do II Premio daranse a coñecer no mes de marzo, nun acto que presentará como novidade a habilitación dun espazo de networking, no que todas as empresas candidatas poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos, e aquelas que así o desexen disporán do seu propio posto informativo.

A elección dos gañadores dependerá dun xurado formado por especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa, como representantes das Cámaras de Comercio e das Universidades da provincia, personalidades con dilata experiencia empresarial e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses.

Comentarios
78 empresas coruñesas optan ao II Premio provincial á mellor iniciativa empresarial