Buscar
03:21h. Lunes, 20 de Noviembre de 2017

ENTRE O 21 E O 23 DE SETEMBRO

Pontevedra ten una nova cita co emprendemento no Pont-Up Store 2017

Preto de 40 actividades, entre obradoiros, seminarios, coloquios e encontros, conforman a programación do Pont-Up Store 2017, o evento dedicado ao emprendemento que a Universidade de Vigo promove en Pontevedra entre o 21 e 23 de setembro.

Autoridades e emprendedores na presentación do 4º Pont-Up Store./DUVI.
Autoridades e emprendedores na presentación do 4º Pont-Up Store./DUVI.

O programa de actividades dun evento que conta coa colaboración de 36 empresas e institucións, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, foi presentado este xoves polo seu director, Pedro Figueroa, acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e o deputado provincial de Economía, Carlos López Font.

Facer do Pont-Up Store o “escaparate do emprendemento en Galicia”, é, como sinalou Figueroa, o obxectivo central dun evento que “vai crecendo e reinventándose”, como engadiu o vicerreitor, respecto dunha programación dirixida tanto a “emprendedores actuais e futuros, como para o noso estudantado, que cada vez emprende máis, e para o público en xeral”. Corbacho e Figueroa puxeron o acento en que esta feira reúne a empresas de múltiples sectores, desde a moda, a alimentación ou ecoloxía, ata o deseño gráfico, a educación e as TIC, outorgando ademais un “papel moi importante á economía social", como salientou o director dun evento que reúne a emprendedores de toda Galicia e no que “máis do 33% dos proxectos proceden das vilas e do rural”. 
O Pont-Up Store terá como núcleo o recinto da Praza de España no que, os días 22 e 23, as 41 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria seleccionadas de entre máis de 120 candidaturas, amosarán á cidadanía os seus produtos e servizos. Farano nos 36 stands cos que contará este recinto e a través de diferentes actividades de dinamización, así como no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores presentarán o seu proxecto empresarial a “directivos de importantes empresas de Galicia”.

Actividades complementarias

Unha das novidades desta cuarta edición é o fablab que se instalará nas salas de exposicións do edificio que comparten Belas Artes e Restauración e que arrincará a súa actividade o mércores 19 co obradoiro de creatividade e fabricación dixital "Fabricando cidade", cuxos resultados exporanse o venres 22

Unha sesión de networking sobre economía social, na Casa das Campás, organizada pola Unión de Cooperativas Espazocoop porá, o xoves 21, inicio á xornada previa do Pont-Up Store, para a que tamén se programaron un seminario de marketing dixital, na sede de AJE Pontevedra; dous coloquios promovidos polas cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e Santiago; un taller sobre posicionamento en internet, promovido pola Deputación, entre outras accións.

Xa na xornada inaugural do venres 23, o recinto do evento será a sede dunha sesión de networking para os emprendedores participantes, entre outras actividades de dinamización. A estas súmanse a celebración do Puntazo Express no Museo, a sesión formativa "Preparado para a inversión?", que Abanca celebra no Café Moderno, e a presentación dunha plataforma de venda de empresas que traballan con criterios sociais e éticos en Belas Artes.