Buscar
12:08h. Lunes, 19 de Noviembre de 2018

O 8 de xullo

Rexistrada a convocatoria de folga en Ferroatlántica

O comité de empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas vén de rexistrar, na Consellería de Traballo, convocatoria de folga para o 8 de xullo.

Segundo informou o comité, o paro desenvolverase das 06 horas do 8 de xullo até ás 06 horas do día seguinte, afectando deste xeito ás tres quendas completas de traballo, e a todos os centros de Ferroatlántica na Costa da Morte, isto é, as fábricas de Cee e Dumbría e as centrais de Vimianzo e Dumbría. Así mesmo, a folga amplíase a toda a actividade auxiliar que depende de Ferroatlántica.

Asemade, o propio día da folga haberá manifestación en Santiago de Compostela, ás 12 horas, con saída da Alameda. Previamente, o 5 de xullo, arrancará dende Cee unha marcha a pé de traballadores da empresa que, en sucesivas etapas, percorrerá a distancia que separa a Costa da Morte da capital galega, a onde chegará o propio sábado pola mañá, antes da saída da manifestación.

O comité de empresa insiste en que "respectar as cláusulas das concesións dos aproveitamentos hidráulicos é a única garantía de salvagardar o interese público e garantir o mantemento do emprego e a actividade das factorías. O contrario significa a desaparición do tecido produtivo máis importante de carácter industrial vinculado á comarca". O comité reitera que calquera plan industrial e de inversións e, polo tanto, a xeración de emprego no futuro, "non pode estar supeditado en ningún caso á venda das centrais hidroeléctricas nin á segregación de actividades".