Buscar
02:16h. Domingo, 21 de Octubre de 2018

Campaña "Agora: salarios, emprego público e dereitos"

Nova concentración de UGT e CCOO para reclamar a recuperación dos dereitos dos empregados públicos

Centos de delegados da Área Pública de CCOO e da Federación galega de empregadas e empregados dos Servizos Públicos (FeSP-UGT) concentráronse diante do Parlamento galego para demandar a recuperación de salarios e dereitos dos empregados públicos. 

Delegados de UGT e CCOO concentrados fronte ao Parlamento galego, en Santiago.
Delegados de UGT e CCOO concentrados fronte ao Parlamento galego, en Santiago.

Esta mobilización, que se enmarca na campaña conxunta “Agora: salarios, emprego público e dereitos”, coincidiu co pleno do Parlamento no que se debatía o Proxecto de Lei de Orzamentos xerais da Xunta para o 2018.

Coa protesta deste martes os sindicatos UGT e CCOO dan continuidade ás concentracións que xa tiveron lugar o pasado día 24 de novembro fronte á Delegación e subdelegacións do Goberno e que continuaron cunha manifestación en Madrid o xoves pasado.

UGT e CCOO insisten en que, debido a que os Executivos estatal e autonómico levan máis dun ano afirmando que a economía se recupera, "é o momento de lles devolver ás empregadas e empregados públicos os dereitos arrebatados coa escusa da crise: desde o 2010, máis de 16.000 empregos destruídos no sector público e unha perda media de poder adquisitivo do 13%".

Por esta razón, os sindicatos esixen a volta á negociación colectiva nas Administracións públicas para abordar cuestións como xornadas, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade, formación ou acción social. Todo isto debería ter efectos nos orzamentos para o 2018.

CCOO e UGT piden que o Acordo para a Mellora do Emprego Público, asinado en marzo deste ano, e o Acordo de Estabilidade, asinado en outubro coa Xunta, se amplíen para permitir recuperar o emprego perdido desde o 2011, non só para reducir a precariedade e a temporalidade nas Administracións públicas.