Nova carteira de servizos para as empresas pontevedresas

O programa SmartPeme desenvolve actualmente novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas de Pontevedra a ser máis competitivas na contorna económica actual.

Nova carteira de servizos para as empresas pontevedresas

O programa posto en marcha pola Deputación de Pontevedra abre tres novas liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPeme Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.

A través do Centro Provincial de Economía Dixital vanse dar a coñecer ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para elo, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación da provincia ao servizo das empresas.

Doutra banda, SmartPeme Impulsa, abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente TurisTIC erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar ao sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de SmartPeme contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico, e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.

Comentarios
Nova carteira de servizos para as empresas pontevedresas