Buscar
22:49h. Martes, 19 de Septiembre de 2017

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE UNIVERSIDADE E ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS

Estudantes da Universidade de Vigo poderán realizar prácticas nas empresas do Polígono de San Cibrao

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera, veñen de asinar un convenio marco de colaboración entre ambas as dúas entidades.

Salustiano Mato, Elías Mera e Virxilio Rodríguez, na sinatura do acordo. /DUVI.
Salustiano Mato, Elías Mera e Virxilio Rodríguez, na sinatura do acordo. /DUVI.

O obxectivo deste convenio é “ofrecer un marco de colaboración que nos permita avanzar xuntos”, explicou o reitor da Universidade de Vigo durante a sinatura do acordo, no que estivo acompañado polo vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

Salustiano Mato remarcou que con esta iniciativa o que se pretende é “achegármonos ao territorio e aos empresarios”, levando a cabo iniciativas que permitan ao alumnado “prepararse mellor para mergullarse no mercado laboral” e desenvolvendo iniciativas formativas, de investigación e transferencia “que abran oportunidades de desenvolvemento para o territorio”.

Pola súa banda, Elías Mera destacou que coa sinatura deste convenio ábrese unha “conexión leal, permanente e exemplar entre as empresas e a Universidade de Vigo”. O presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao subliñou como “para o colectivo que represento é un orgullo poder planificar coa Universidade de Vigo fórmulas creativas de cooperación e vínculos estreitos en beneficio da comunidade educativa e das propias empresas”. “Fainos unha ilusión especial contribuír na orientación laboral e profesional dos universitarios, e máis nestes tempos de forte especialización das universidades. E tampouco oculto que os empresarios temos moitas esperanzas postas nos resultados das iniciativas deste convenio que buscan a conexión entre perfiles académicos e laborais. Os beneficios serán mutuos”, recalcou o presidente da entidade empresarial.

Contido do acordo

O propósito do convenio asinado é a realización de actividades e proxectos de forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as institucións implicadas. Entre as actividades apuntadas no convenio como de interese están promover e facilitar a realización de prácticas curriculares ou extracurriculares de alumnado en empresas integradas na Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao. Tamén se sinala a colaboración de empresarios desta asociación cos responsables de practicum en temas de orientación, co obxectivo de informar sobre os intereses e perfiles profesionais que demandan as empresas. A acollida de alumnado para a realización de traballos de fin de grao e fin de mestrado e a posta en marcha dun protocolo para a realización de visitas a empresas por parte dos estudantes son outras das medidas referidas no acordo. 

Ademais, o convenio sinala outras actividades de interese posibles, como o desenvolvemento de proxectos de investigación; a realización conxunta de xornadas; a elaboración dun catálogo de cursos que cubra carencias de formación detectadas nas empresas; a realización dunha listaxe de empresas con convenio de cooperación educativa coa universidade; a participación das empresas en presentacións específicas do sector e a participación dos centros nas empresas no mesmo senso e aumentar a visibilidade da asociación nas páxinas web dos centros e/ou nos sitios que sexan axeitados para tal fin.

Unha comisión mixta con representantes da Universidade e da Asociación será a encargada de planificar, facer seguimento e avaliar as accións que se orixinen a raíz deste convenio marco, que terá unha duración de catro anos, sendo prorrogable.