Impártese entre o 1 e o 8 de xuño

A 13ª edición do curso "O IVE na fiscalidade empresarial" aposta polo enfoque práctico

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo acollerá entre o 1 e o 8 de xuño a 13ª edición do curso "O IVE na fiscalidade empresarial".

A 13ª edición do curso "O IVE na fiscalidade empresarial" aposta polo enfoque práctico

Os profesores Xosé Manuel González e Xosé Carlos Álvarez, do grupo de innovación docente Economía Pública e Fiscalidade Aplicada do Departamento de Economía aplicada, son os encargados de coordinar esta actividade docente, que é xa un referente no eido da fiscalidade. O curso deste ano terá unha duración de 30 horas, nas que se presentará e analizará o Imposto sobre o Valor Engadido cun enfoque aplicado apoiado na análise de casos prácticos que permitirán comprender o funcionamento deste importante imposto.

O curso será impartido por José Antonio Fernández, ex-profesor de Fiscalidade Persoal e da Empresa na Universidade de Vigo, actualmente subinspector da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e especialista na aplicación práctica das principais figuras impositivas. 

Este curso está dirixido a alumnado actual de Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos na Universidade de Vigo ou a titulados universitarios destas mesmas diplomaturas, licenciaturas ou graos. Ademais, tamén se poderán inscribir profesionais relacionados coa xestión da empresa que “queiran poñerse ao día sobre un imposto que experimenta numerosos cambios normativos e que é de interese tanto para as empresas como para as consumidoras e consumidores, xa que é de práctica case diaria”, explica González.

Parte teórica e práctica

Esta actividade formativa está dividida en dous módulos impartidos en seis sesións. No primeiro abordaranse contidos teóricos como a introdución ao Imposto sobre o Valor Engadido, analizando a súa natureza e o seu ámbito de aplicación; así como as operacións interiores (feito impoñible, exencións, lugar de realización, suxeito pasivo e devindicación); o tráfico internacional nas operacións intracomunitarias, importacións e exportacións; a base impoñible e os tipos impositivos, as deducións e as devolucións, e os réximes especiais, como por exemplo o simplificado e o de equivalencia). No segundo módulo traballaranse casos prácticos sobre operacións interiores, tráfico internacional, base impoñible e tipos impositivos, e réximes especiais, como o simplificado e o de equivalencia, onde “se analizarán todos os aspectos que están no día a día das empresas que, xunto cos casos prácticos, permite que facerse co dominio deste imposto de forma amena e sinxela”.

A matrícula ordinaria é de 90 euros, pero para o alumnado terá un custo de 80 euros, e pode realizarse a través da plataforma Bubela.

A 13ª edición do curso "O IVE na fiscalidade empresarial" aposta polo enfoque práctico