ESTE XOVES HABERÁ PROTESTAS EN 10 LOCALIDADES GALEGAS

UGT e CCOO convocan concentracións para denunciar a "irrisoria" suba do 0,25% das pensións

Pensionistas e xubilados do S.N. de CCOO de Galicia e de UGT-Galicia convocan este 1 de marzo, concentracións na  Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Foz, Viveiro, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra e Vigo para denunciar a "irrisoria" suba do 0,25% das pensións.

UGT e CCOO convocan concentracións para denunciar a "irrisoria" suba do 0,25% das pensións
Dirixentes de CCOO e UGT-Galicia presentaron en Santiago a campaña en defensa de pensións dignas.
Dirixentes de CCOO e UGT-Galicia presentaron en Santiago a campaña en defensa de pensións dignas.

Estas mobilizacións enmárcanse nunha campaña de ámbito estatal, que xa comezou en setembro de 2017 coas marchas polas pensións dignas, e que será sostida e crecente "mentres o Goberno non mude a súa postura en relación ás pensións dos xubilados deste país". 

UGT e CCOO denuncian que o Goberno fomenta os plans de pensións privados mentres recorta as pensións públicas.​ Ambos os dous sindicatos protestan contra "o empobrecemento duns pensionistas que perden poder adquisitivo por segundo ano consecutivo" e esixen "un modelo público de pensións eficaz e eficiente".

As dúas organizacións sindicais recordan que as medidas tomadas polo Goberno do PP en relación ás pensións "nos afectan a todos, xa que o índice de revalorización e o factor de sustentabilidade supoñen a curto e medio prazo un recorte das pensións presentes e futuras".

Por todo isto,  CCOO e UGT chaman á cidadanía galega a participar este xoves nas concentracións convocadas "pola recuperación do poder adquisitivo das pensións; pola revalorización das pensións segundo o IPC; pola defensa dun sistema público de pensións digno e sostible; e pola derrogación da reforma imposta polo Goberno no 2013 e a recuperación do diálogo". 

Haberá concentracións en Vigo ás 11 horas (fronte á Delegación do INSS), en Ferrol (no Edificio da Xunta), Ourense (Dirección Provincial do INSS) e Pontevedra (Delegación do INSS) ás 11:30 horas, na Coruña (Dirección Provincial do INSS), Santiago (praza do Toural), Foz (diante da casa consistorial), Viveiro (nas oficinas do INSS en Celeiro) e O Barco (diante do concello) a mediodía e en Lugo ás 12:30 horas (diante da Subdelegación do Goberno).

Comentarios
UGT e CCOO convocan concentracións para denunciar a "irrisoria" suba do 0,25% das pensións