Buscar
07:43h. Martes, 12 de Diciembre de 2017

A XUNTA REDUCIU A SÚA DÉBEDA PÚBLICA EN 219 MILLÓNS

Galicia pechou o segundo trimestre como a cuarta comunidade con menor endebedamento

A Xunta de Galicia reduciu a súa debéda pública en 219 millóns de euros no segundo trimestre do ano, pechando trimestre como a cuarta comunidade con menor endebedamento, segundo os últimos datos estatísticos publicados polo Banco de España.

Ao peche do segundo trimestre do ano, a ratio de débeda/PIB de Galicia baixou medio punto respecto ao trimestre anterior ata situarse no 19,2%. Pola contra, a media autonómica aumentou tres décimas no mesmo período e ascende ata o 25,1%.

Isto supón que o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica aumenta ata case os seis puntos, cando en 2008 este indicador estaba igualado á media. En todo caso, Galicia xa é neste momento a cuarta comunidade autónoma –a terceira de réxime común, tras Madrid e Canarias- con menor endebedamento.

En importes absolutos, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do segundo trimestre en 285.907 millóns de euros, o 3,97% deste importe -11.363 millóns- na comunidade galega. Ademais, Galicia é a única comunidade que reduciu a súa débeda no segundo trimestre respecto ao trimestre anterior.

O obxectivo da Xunta de Galicia é seguir reducindo a súa ratio de débeda ata o peche deste ano 2017. De feito, os datos do Banco de España mostran que a débeda da Administración galega está totalmente estabilizada dende finais do exercicio 2014, e a previsión da Xunta é que neste 2017 non aumente o seu endebedamento.