Buscar
22:37h. Domingo, 22 de Octubre de 2017

AS ENTIDADES COLABORADORAS PODEN ADHERIRSE DESDE ESTE XOVES

A Xunta busca dinamizar o sector da construción con axudas de ata mil euros para reformar cociñas e baños

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases do Reforma 17, impulsadas polo Igape en colaboración coa Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), co obxectivo de facilitar a modernización de cociñas e baños en 2.800 fogares galegos e dinamizar, ao mesmo tempo, a actividade no sector da construción.

As axudas para reformar baños e cociñas oscilarán entre os 200 e os 1.000 euros.
As axudas para reformar baños e cociñas oscilarán entre os 200 e os 1.000 euros.

As entidades colaboradoras –establecementos de distribución de materiais de construción– poden adherirse ao Reforma 17 a partir do xoves 28 de setembro e durante dez días, e os particulares interesados en acollerse ao programa para reformar cociñas ou baños poderán presentar as súas solicitudes, sempre a través das empresas adheridas –que o farán de forma telemática–, desde o 11 de outubro e ata o 17 de novembro próximos.

O programa Reforma 17 convócase por terceiro ano consecutivo para que os beneficiarios poidan obter rebaixas do 40% nos custos de produtos e mobiliario de cociñas e baños en fogares galegos, dado que ao 20% que aporta a Xunta en axuda directa se suma outro desconto do 20% a facer polas empresas adheridas ao programa. A previsión é que esta terceira edición permita mobilizar 20 millóns de euros no sector.

Como na anterior edición, o custo mínimo dos produtos adquiridos ao abeiro do Reforma 17 será de 1.000 euros, e as axudas públicas oscilarán entre un mínimo de 200 e un máximo de 1.000 euros.

Balance das dúas convocatorias

O Programa, que estimula a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector da construción, facilitou nos dous últimos anos obras de modernización en máis de 7.000 fogares galegos, mobilizando arredor de 50 millóns de euros. Ao peche do Reforma 17 as axudas terán facilitado a renovación de cociñas e baños en 10.000 fogares galegos, cunha mobilización estimada en 70 millóns de euros.

Coa nova edición deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria proponse seguir impulsando a dinamización das empresas de materiais de construción, que viron reducida a súa actividade e facturación como consecuencia da crise que afectou principalmente ao sector inmobiliario.