En rexeitamento do ERE en Banco Santander e da carga de traballo en Abanca

A CIG protagoniza na Coruña dúas protestas no sector bancario

O sindicato CIG mobilizouse este martes diante de diferentes oficinas bancarias na Coruña para amosar o seu rexeitamento ao ERE de Banco Santander e esixir unha carga de traballo acorde á xornada laboral en Abanca

A CIG protagoniza na Coruña dúas protestas no sector bancario
Mobilización da CIG fronte á sede do Banco Santander na Coruña.
Mobilización da CIG fronte á sede do Banco Santander na Coruña.

A CIG mobilizouse diante da oficina principal do Banco Santander na Coruña en rexeitamento ao ERE que a entidade vén de presentar para despedir a 3.713 traballadores e traballadoras e pechar 1.150 oficinas en todo o estado. Esta será a terceira regulación de emprego que o banco fai en menos de catro anos, nesta ocasión alegando causas organizativas e produtivas tras da integración do grupo Banco Popular-Pastor.

Malia que a empresa non facilitou os datos de afectación por territorios, dende a sección sindical da CIG alertan que a existencia de tres redes a nivel galego (Santander, Pastor e Popular), pode levar a que o impacto do ERE en Galicia sexa especialmente duro. Rosa María Conde, secretaria da sección sindical, informou que o período de consultas se inicia o vindeiro xoves, 23 de maio, en Madrid, "e supomos que nesa reunión coñeceremos o alcance da medida en Galiza".

Conde denunciou que a cifra de despedimentos facilitada até agora supón o 12% do cadro de persoal que actualmente ten o Banco Santander e o 26% das oficinas. Esta reestruturación “brutal”, a xuízo da CIG, chega cando a carga de traballo en toda a rede de oficinas é "desmesurada" e as queixas da clientela polas colas son xeneralizadas; "polo que o desmantelamento de oficinas non fará máis que sobrecargar de traballo ao resto da rede, agravando a situación actual, ao dispor de menos traballadores", sinala o sindicato.

Sobre o volume de emprego destruído nos últimos anos na Comunidade Conde indicou que a finais de 2010 o cadro de persoal do grupo Popular e do Pastor sumaba 2.617 persoas, mais a día de hoxe, o total de traballadores do Banco Santander (agrupando todas as redes) non chega ás 2.140 persoas. "Só no Banco Popular houbo unha amortización do 47% dos postos de traballo", denunciou.

No caso das oficinas,  a dirección do Santander prevé telas pechadas a 31 de decembro. Das 1.150 oficinas afectadas, 200 transformaranse en axentes comerciais. "É dicir, o que fan é trasladar a persoas autónomas o traballo que agora está realizando o persoal propio do banco".

Protestas fronte Abanca

Nesta mesma xornada, a CIG mobilizouse diante de diferentes oficinas de Abanca na Coruña para esixir que a carga de traballo "sexa realizábel dentro da xornada laboral", a fin das discriminacións salariais que sofren as traballadoras da entidade (que de media perciben até 11.173€ menos ao ano que os homes), que se respecte o dereito á desconexión dixital e que se implante un sistema de rexistro de xornada" útil e transparente".

A primeira das sete protestas tivo lugar diante da Oficina Principal da rúa Nova, alí,  Clodomiro Montero, da sección sindical da CIG en Abanca, explicou que a central sindical realizou no último mes e medio 28 concentracións diante de oficinas de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo para denunciar a política laboral e comercial "explotadora" da entidade.

Montero salientou que no proceso de reestruturación, Abanca despediu o 60% do seu cadro de persoal e pechou ducias de oficinas, duplicándose así a carga de traballo que teñen que asumir os empregados. A isto súmanse "os obxectivos inalcanzábeis" impostos pola empresa "que medran día a día", baixo controis abusivos, e que levan ao persoal a realizar horas extraordinarias "que o banco non paga, nin cotiza, para poder acadar eses obxectivos que son de obrigado cumprimento".

O representante sindical puxo o acento no feito de que Abanca ten o maior índice de produtividade do sector financeiro: cada traballador xestiona arredor de 15 millóns de euros, cando noutras entidades nacidas das antigas caixas, como Liberbank ou Caixabank, o volume de negocio xestionado por cada empregado está nos 11 millóns de euros.

Ligado a esta cuestión, Montero denunciou que malia ser obrigatorio dende o 12 de maio, Abanca non puxo aínda en marcha ningún tipo de rexistro da xornada. "Demandamos a súa negociación, mais a proposta que nos presenta a dirección é un engano, un rexistro alternativo aos xa existentes coa finalidade de non rexistrar as horas e seguir defraudando como até agora". 

Outra das problemáticas contra da que CIG vén loitando dende hai tempo refírese á discriminación salarial que se dá en Abanca, até o punto de que as traballadoras perciben, de media, 11.173 euros ao ano menos que os seus compañeiros, facendo traballos semellantes e incluso soportando unha carga maior. "

Finalmente, dende a sección sindical da CIG demándase da dirección de Abanca que se respecte o dereito á desconexión dixital, contemplado na lexislación dende o pasado decembro. "O banco danos tablets e móbiles que teñen conexión as 24 horas do día, os 365 días do ano, e temos que estar a disposición da entidade en todo momento. O que pedimos é que Abanca cumpra coa súa obriga, nos facilite a desconexión e se respecte o noso dereito conciliar a vida familiar e laboral".

A CIG protagoniza na Coruña dúas protestas no sector bancario