Unha das empresas máis lonxevas da provincia de Ourense

H. Paniagua lanza ao mercado bebidas innovadoras

A empresa carballiñesa H. Paniagua, dedicada á elaboración de licores desde 1878 e participante da aceleradora Galicia Avanza, vén de anunciar a saída ao mercado novas bebidas, entre elas cremas de fresa, mango e nube.

H. Paniagua lanza ao mercado bebidas innovadoras
H. Paniagua acaba de sacar ao mercado novas bebidas da man da marca La Pócima.
H. Paniagua, empresa que comercializa bebidas de orixe galega desde 1878.

A compañía H.Paniagua é unha das beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras Galicia Avanza, que promoven a Axencia Galega de Innovación (Gain), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).

Rodrigo Paniagua, xerente de Paniagua e quinta xeración da familia á fronte da empresa, sinalou que “ a innovación forma parte dos nosos valores desde os inicios. Ao longo destes anos, adaptámonos ás necesidades e gustos dos nosos consumidores, apostando por novos produtos e tentando non perder a nosa orixe”.

Coa marca La Pócima, a empresa H. Paniagua acaba de sacar unha completa familia de bebidas innovadoras tanto polos seus ingredientes como pola súa formulación. Entre estes produtos, hai bebidas doces e lixeiras, en particular unha gama de cremas de froitas exóticas elaboradas a base de agave mexicano, con sabores a fresa, mango e nube. Tamén ofrece unha liña de bebidas de maior gradación e sabores máis intensos, como son un licor de herbas elaborado por maceración de máis de 36 botánicos e un licor de ginseng.

Por outra banda, Paniagua quixo tamen destacar que “todos os nosos produtos teñen un marcado carácter galego, por iso, a maior parte dos ingredientes que empregamos nas súas elaboracións son de orixe local. Así, por exemplo, a nosa xenebra está elaborada con mazás da Estrada (Pontevedra) e as nosas cremas conteñen nata de leite de vacas galegas”.

H. Paniagua lanza ao mercado bebidas innovadoras