Supón case 5.000 euros menos ao ano

UGT denuncia que a fenda salarial é do 19% en Galicia

Con motivo da celebración, o próximo 22 de febreiro, do Día internacional da igualdade salarial, dende UGT-Galicia denuncian que a fenda salarial entre homes e mulleres persiste, sendo do 19% en Galicia, e que esta sobe ata o 30,4% no sector privado, segundo os datos da Enquisa Anual de Estrutura Salarial do ano 2021.

UGT denuncia que a fenda salarial é do 19% en Galicia
O salario medio das mulleres galegas é de 20.904,37 euros ao ano, un 9,8% menos que  no resrto de Estado.
O salario medio das mulleres galegas é de 20.904,37 euros ao ano, un 9,8% menos que no resto de Estado.

A pesares destes malos datos, a fenda salarial baixou 2,2 puntos en relación ao 2018, é dicir, pasou do 21,28% ao 19% en 2021 (a máis baixa dos últimos 16 anos), último dato dispoñible.

UGT-Galicia considera que detrás desta baixada están as subidas do salario mínimo interprofesional (SMI), que arrancaba ao comezo da lexislatura cos 735 euros ata os 1.134 actuais.

As razóns detrás da fenda salarial son múltiples e complexas, e están relacionadas con factores como a representación da muller no mercado laboral, co modelo de contratación que soportan as mulleres, que sofren máis parcialidade involuntaria, cunhas carreiras profesionais menos estables por ter que asumir en moitas ocasións a conciliación ou por ter unha maior representación en sectores máis precarizados, entre outras.

Estatísticas claras e contundentes

A nivel comunitario, e segundo os datos de Eurostat, as mulleres gañan unha media dun 12,7% menos que os homes.

En España, a diferenza salarial entre homes e mulleres é do 8,9%, do que se deduce que as mulleres españolas traballaron gratis 32,48 días no ano 2023, dende o 29 de novembro ata o 31 de decembro.

Pola súa banda, o salario medio das mulleres galegas é de 20.904,37 euros ao ano, fronte aos 23.175,95 de media do Estado, é dicir, un 9,8% menos. Neste sentido, Galicia é a sexta comunidade autónoma pola cola en retribución media anual ás mulleres.

En relación aos sete grandes concellos de Galicia, os datos do Instituto Galego de Estatística mostra que a maior fenda rexístrase no de Vigo (14,3%) seguido por A Coruña (12,8%), Ferrol, (12,8%), Santiago (11,3%), Pontevedra (7,2%), Lugo (3,5%) e Ourense (2,2%).

O traballo a tempo parcial discrimina ás mulleres

Segundo a enquisa de poboación activa (EPA), de 145.700 asalariados que hai en Galicia a tempo parcial, 112.700 son mulleres, o 77,35%, e unha de cada cinco traballa a tempo parcial, o 22%.

Neste caso, a fenda é dun 16,5% mentras que no caso da xornada a tempo completo é do 11,4%.

En canto á retribución das mulleres, ésta é de 9.513,15 euros ao ano, a tempo parcial, fronte aos 23.772,12 a tempo completo. No caso dos homes, a retribución a tempo parcial é de 11.397,24 euros, fronte a 26.818,79 a tempo completo.

Mulleres entre os 45 e 55 anos, as máis perxudicadas

Por idades, en todos os tramos dáse a fenda salarial, aínda que onde esta é máis elevada é no tramo de 45 a 55 anos, cun 20,10%, seguida polo tramo de 25 a 34 anos (19,15%), o tramo de 35 a 44 anos(19,11%) e o dos 55 anos en diante (16,61%).

Por outra banda, a igual nivel de estudos as mulleres sempre perciben menos salario, superando o 25% en todos os niveis analizados, salvo no caso da diplomatura universitaria ou similar onde a fenda é do 17,5%.

Por ramas de actividade, a fenda salarial é máis acusada na de “servizos ás empresas” (26,3%), seguida de “comercio, reparacións e transporte” (26,2%), “entidades financeiras e aseguradoras” (25,6%), “outros servizos persoais e de ocio” (23,6%), “industria” (23,1%), “agricultura, gandería, silvicultura e pesca” (22,2%), “información e comunicacións” (21,6%), “industria extractiva, enerxía e auga” (17%), “servizos sociais” (16,8%) e “construción e actividades inmobiliarias” (10%).

Pensións e prestacións por desemprego

En canto ás pensións de xubilación, a fenda sitúase no 34,2%, destacando que, mentras no ano 2002 a diferenza entre a pensión de xubilación dun home e dunha muller era de 188,48 euros, no 2023 ésta elévase aos 469,41 euros.

Mentras se mantén unha fenda a favor dos homes nas pensións de incapacidade permanente (15,18%) e de xubilación (34,22%), no caso das pensións de viuvez (48,38%), orfandade (0,41%) e pensións a favor dos familiares (5,06%) a fenda é favorable para as mulleres.

Respecto ás prestacións por desemprego, as mulleres seguen acusando as precarias condicións de traballo que resultan en escasas cotizacións e dificultades para acadar o mínimo solicitado para ser beneficiarias, polo que a fenda salarial é dun 8,5%.

Reivindicacións de UGT en materia de igualdade salarial

Ante estes datos claros e contundentes, a UGT reivindica diversos temas en materia de igualdade salarial como é a esixencia do cumprimento, en todas as empresas españolas, da normativa vixente en materia de igualdade retributiva recollida no Estatuto dos Traballadores e no Real Decreto 902/2020.

En liña con isto, tamén reclaman a transposición da Directiva (UE) 2023/970 do Parlamento Europeo e do Consello do 10 de maio de 2023 pola que se reforza a aplicación do principio de igualdade de retribución entre homes e mulleres por un mesmo traballo ou un traballo de igual valor a través de medidas de transparencia retributiva e de mecanismos para o seu cumprimento.

Por outra banda, tamén reivindican plans de actuación da Inspección de Traballo en materia de igualdade retributiva entre mulleres e homes, para que actúen de oficio naquelas situacións onde se infravalora o traballo das mulleres, ou que se realicen as modificacións necesarias no contrato a tempo parcial e na súa utilización que está a provocar na actualidade unha discriminación salarial cara ás mulleres.

UGT denuncia que a fenda salarial é do 19% en Galicia