Informe da Economía Social en Galicia 2021

As principais familias da economía social xeran máis de 12.000 empregos en Galicia

Máis de 6.000 entidades conforman en Galicia o sector da economía social. Xeran máis de 12.000 empregos directos, sen contar os creados por confrarías, sociedades agrarias e comunidades de montes veciñais, Son dous dos datos destacados do Informe da Economía Social en Galicia 2021, presentado este luns en Santiago de Compostela.
As principais familias da economía social xeran máis de 12.000 empregos en Galicia
Presentación do Informe da Economía Social en Galicia 2021 na USC./S. ALVITE.
Presentación do Informe da Economía Social en Galicia 2021 na USC./S. ALVITE.

Galicia alberga un total de 1.145 cooperativas e 656 sociedades laborais activas. Ademais, existen 117 centros especiais de emprego, 13 empresas de inserción laboral, 4 mutuas e mutualidades, 35 confrarías de pescadores, 1.072 sociedades agrarias de transformación e 3.013 comunidades de montes veciñais en man común. Todas elas, conforman a instantánea das entidades de mercado da Economía Social Galega, tal e como se puxo de manifesto no acto de presentación do Informe da Economía Social en Galicia 2021, dirixido pola profesora da USC e directora do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia- CECOOP, Maite Cancelo.

En relación ao número de empregos xerados en Galicia pola Economía Social, 7.917 pertencen a cooperativas e 2.162 a sociedades laborais. Os centros especiais de emprego dan traballo a 2.013 persoas, mentres que as empresas de inserción laboral proporcionan 182 postos. Finalmente, as mutualidades xeran 13 empregos directos en Galicia. A suma de todas estas familias “indícannos máis de 12.000 empregos directos na Comunidade Autónoma”, subliñou a profesora Cancelo.

“Para o resto das familias da economía social galega, resulta complicado estimar o dato de emprego, pero si podemos resaltar que, nas confrarías galegas, as afiliacións de persoas traballadoras ascenden a case 7.500, o que dá unha idea do seu peso, tendo en conta que, hai un elevado volume de empresas afiliadas, 4.001, e os seus empregados non se están computando”, continúa Maite Cancelo.

A profesora Cancelo estivo acompañada na presentación do informe por Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC; Xoán Doldán, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, centro que acolleu o acto; Manuel Botana, codirector do estudo; María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade; e Celso Gándara, presidente do Foro pola Economía Social Galega.

O documento actualiza a información recollida no Libro Branco da Economía Social en Galicia e realiza unha fotografía do sector e a súa evolución nos últimos anos, respondendo así a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social. Na elaboración do informe participou persoal investigador da USC e da UVigo. Dolores Álvarez, Manuel Botana, María Bastida, Rosario Díaz, Pilar Expósito, Loreto Fernández, Rafael Millán, José Antonio Montero, Ana Olveira, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas e Miguel A. Vázquez Taín son, xunto a Cancelo, os autores do informe.

A Coruña e Pontevedra, provincias máis dinámicas

En 2021, sete de cada dez novas cooperativas localízanse nas provincias atlánticas, o 85% fano baixo a figura de traballo asociado e aumentan en todos os sectores de actividade, sendo maioritarias no sector servizos, tal e como sinala o informe. Nas sociedades laborais, a maioría (23) tamén se sitúan no sector servizos, 2 en industria e construción e 1 en agricultura. Por provincias, a maioría están en Pontevedra (60,7%), seguido da Coruña (28,6%). “En Ourense (7%) e Lugo (3,6%) atopamos o menor dinamismo na creación destas sociedades”, apunta o informe. Das 1.145 cooperativas galegas, o 39% atópanse na provincia da Coruña, o 33% en Pontevedra, o 16% en Lugo e o 12% en Ourense. Por tipo de cooperativa as de traballo asociado conforman a maioría (56%) seguidas das agrarias (22%).

Con relación ás sociedades laborais, das 656 rexistradas no rexistro da Xunta e que se consideran activas, a maioría atópanse en Pontevedra (274) e en Coruña (209). O sector servizos segue sendo o predominante co 71,3% destas entidades, seguida pola industria (13,9%), construción (12,3%) e agricultura (2,4%). “Se analizamos os datos do Ministerio relativos ás laborais rexistradas á seguridade social, no ano 2020, o 5,3% destas sociedades teñen o seu domicilio en Galicia”, continúa o informe.

Analizando os datos dos centros especiais de emprego, dos 117 galegos, 58 pertencen á economía social. Por provincias, a maioría atópanse na Coruña (63,2%), seguida de Pontevedra (24,8%), Lugo (7,7%) e Ourense (4,3%). A maioría operan no sector servizos (42,7%) e levan a cabo actividades de limpeza xeral de edificios e de xardinería. Con relación ás Empresas de Inserción Laboral, segue manténdose o peso da provincia da Coruña, “onde temos 7 e a importancia no sector servizos onde operan 7 das 13 EIL galegas”.

As confrarías de pescadores (63) representan o 31,8% do conxunto do Estado español, evidenciando a importancia do sector pesqueiro en Galicia. No estudo móstrase a evolución das afiliacións a estas entidades: 4.001 empresas e 7.493 persoas traballadoras. Por sector de actividade, en Coruña e Lugo as confrarías teñen maior presenza na pesca de baixura (frota de artes menores) con case o 42% das afiliacións, mentres que en Pontevedra predomina o marisqueo dende embarcación (41%).

Das outras familias que compoñen a economía social de mercado disponse de menos información, matizou Cancelo.  No ano 2021 existen 1.072 sociedades agrarias de transformación (SAT) rexistradas en Galicia con 10.193 socios e un capital social de 59.3 millóns de euros (o 5,9% do conxunto de SAT en España). “Isto sitúanos como a sexta comunidade autónoma por número de entidades e a oitava por número de socios e capital social”, matiza o documento presentado este luns.

“Se analizamos as comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común, fórmula asociativa exclusiva de Galicia, e recoñecida como entidades da economía social pola Lei galega, temos 3.016 montes veciñais en man común, cunha superficie de máis de 662 mil hectáreas e un tamaño medio de 220 hectáreas. Estes montes organízanse a través das comunidades de montes que ascenden a 3.013 no ano 2021. A maioría atopámolas na provincia de Ourense (1.153 agrupacións). Con relación ao número de comuneiros, contabilízanse 119.309, aínda que, neste caso, a maioría (43,9%) están en Pontevedra, seguida de Ourense (26,8%)”, explica a profesora Cancelo.

No estudo tamén se recolle un apartado sobre o marco xurídico e novidades lexislativas, outro no que se analizan as políticas públicas para o desenvolvemento da economía social en Galicia, o sector financeiro cooperativo en Galicia e unha aproximación ao impacto socioeconómico das sociedades laborais e as cooperativas en Galicia.

Comentarios
As principais familias da economía social xeran máis de 12.000 empregos en Galicia