Unha radiografía do mercado laboral galego centrada na xuventude

Galicia, entre as catro comunidades coa taxa de actividade dos mozos e mozas máis baixa do Estado

O informe elaborado pola UGT-Galicia, sobre a situación da xuventude na nosa comunidade, mostra que Galicia sitúase entre as catro comunidades coa taxa de actividade máis baixa do Estado neste grupo e presenta unha taxa de desemprego de case 16 puntos.

Galicia, entre as catro comunidades coa taxa de actividade dos mozos e mozas máis baixa do Estado
Presentación do informe de UGT-Galicia sobre o mercado laboral na xuventude en Galicia.
Unha anterior presentación do informe de UGT-Galicia sobre a xuventude no mercado laboral. /ARQUIVO.

Co gallo da celebración do Día internacional da Xuventude, que se celebrará o 12 de agosto, UGT-Galicia presentou este venres unha radiografía do mercado laboral galego centrada nos máis mozos que amosa a falta de oportunidades, e que se reflicte en taxas de actividade moi baixas, altos índices de desemprego e baixos salarios.

En termos poboacionais, Galicia ten cada ano que pasa menos mozos e mozas (de 16 a 35 anos), representando o 19,4% do total de idades neste 2023 en comparación ao 27,2% do ano 2009. Según os últimos datos da EPA, en Galicia hai un total de 456.900 mozos e mozas, entre 16 e 35 anos, dos que 273.000 son activos, 230.500 son poboación ocupada menor de 35 anos, 42.500 persoas paradas e 184.000 son persoas inactivas.

Galicia está entre as catro comunidades coa taxa de actividade xuvenil máis baixa do Estado, o 59,8%, fronte ó 64,1% de media nacional. Pola súa banda, a taxa de paro xuvenil sitúase no 15,6%, lonxe do 9,6% do conxunto de idades. De feito, canto máis se baixa en idade, máis se sube en taxa de desemprego, chegando ao 25,4% no tramo de 16 a 19 anos e ao 24,1% no de 20 a 24 anos.

Por sectores, destaca a gran dependencia do sector servizos na ocupación para a mocidade, o 75,9%, o que alerta da falta de relevo xeracional no sector primario e na construción.

Mellora da temporalidade e aumento da fenda salarial

A parcialidade tamén tingue o mercado laboral dos máis mozos en Galicia, cun 21,3% da mocidade traballando a tempo parcial, fronte ao 14,2% do conxunto de idades. Este dato faise aínda máis evidente no grupo de 16 a 19 anos, acadando o 50%.

Respecto á temporalidade, aínda que mellora grazas á reforma laboral, segue a afectar aos máis mozos e mozas. Dos 207.000 asalariados e asalariadas menores de 35 anos, o 28,6% teñen contratos temporais, representado o 15,7% no conxunto de idades.

No primeiro semestre de 2023, a porcentaxe dos contratos indefinidos rexistrados entre a xuventude foi do 35,3% en comparación ao 8,5% do mesmo período do 2021. Estes datos mostran un reponte da contratación de modalidade indefinida.

A fenda salarial para os menores en Galicia (de 25 a 34 anos) é de mais de 22 puntos. As persoas menores de 25 anos, perciben de media ao ano un salario de 12.930,13 euros e as persoas de entre 25 e 34 anos cobran ao ano de media 20.848,08 euros.

O informe elaborado pola UGT-Galicia pon de manifesto a necesidade dun diálogo social, tanto a nivel estatal como en Galicia, para mellorar as taxas de emprego dos máis mozos e os seus salarios.

Galicia, entre as catro comunidades coa taxa de actividade dos mozos e mozas máis baixa do Estado