28 de abril, Día mundial da seguridade e saúde no traballo

En 2022 producíronse en Galicia máis de 28.400 accidentes laborais, 73 deles mortais

Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo este 28 de abril, os sindicatos CIG, UGT-Galicia e o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia fixeron públicas as súas posturas á respecto da sinistralidade laboral e as políticas preventivas.
En 2022 producíronse en Galicia máis de 28.400 accidentes laborais, 73 deles mortais
A industria manufactureira é a que máis accidentes laborais rexistra.
A industria manufactureira é a que máis accidentes laborais rexistra.

Segundo un informe de UGT-Galicia, no ano 2022 rexistráronse en Galicia, de acordo cos datos publicados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, 28.401 accidentes laborais, que supón un leve descenso, dun 1,9 %, en relación ao ano anterior, cando se contabilizaban 28.976 accidentes. Estas cifras inclúen os accidentes “in itinere” pero só os accidentes con baixa. Deste total, 27.891 foron accidentes de carácter leve, 437 graves e 73 mortais.

Por sección de actividade económica (só en sinistros en xornada, non in itinere), as que máis accidentes rexistran son a industria manufactureira, 6.078; seguida da construción, con 4.125; 3.181 no comercio ao por maior e menor e reparación de vehículos a motor; e actividades administrativas e servizos auxiliares, con 2.458.

Territorialmente, é a provincia da Coruña a que máis accidentes rexistrou, 12.609 e con 22 mortais. Pontevedra rexistrou 9.360, con 39 mortais; Lugo, 3.196, con 7 falecidos; e Ourense, 3.236, con 5 persoas mortas durante a súa xornada laboral.

E 2023, ademais, arrancou con cifras moi negativas, salientan desde UGT, situando a Galicia como a segunda comunidade con máis accidentes mortais (12), igualada con Cataluña e Valencia, e co segundo índice de incidencia de sinistros mortais tamén máis elevado.

Infradeclaración de enfermidades profesionais

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO), pola súa banda, constata unha “infradeclaración de enfermidades profesionais” na comunidade autónoma galega durante o ano 2022. Así o recolle o sindicato nun estudo que fixo público este venres, 28 de abril, cadrando co Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo.

O secretario de Saúde Laboral de CCOO, Armando Iglesias, sinalou que en  durante 2022 declaráronse en España máis de 20.510 enfermidades profesionais, das cales case 1.300 en Galicia, un (6,3 %). Para CCOO, tanto os accidentes no traballo —especialmente aqueles con resultado de morte— como as enfermidades profesionais amosan cifras “inaceptables” para unha sociedade como a nosa, e chama a porlles freo “decontado”. 

Tamén a UGT-Galicia denuncia a infradeclaración das enfermidades profesionais. Tan só 1.261 casos rexistrados en Galicia, segundo datos facilitados polo Ministerio de Seguridade Social. Deste total, 35 corresponden a enfermidades causadas por axentes químicos; 991 por axentes físicos; 37 por axentes biolóxicos; 138 por inhalación de substancias ou axentes; 30 enfermidades da pel causadas por substancias e axentes non comprendidos nalgún dos apartados anteriores; e cero por axentes canceríxenos. E, se nalgún tipo de patoloxías é especialmente “escandalosa” a súa infradeclaración, é no caso dos cancros de orixe laboral. No 2022 non se comunicou ningún caso.

A seguridade e saúde no traballo, “un dereito real e efectivo”

A UGT-Galicia demanda, este 28 de abril, que a seguridade e saúde no traballo sexan un dereito real e efectivo. O sindicato fixo público un manifesto que sinala como, tras o impacto da pandemia, España está a atravesar un período de incremento da incidencia de accidentes de traballo, especialmente intenso no caso dos accidentes mortais, o cal, ao seu xuízo, é un indicador da deterioración das condicións laborais. Así mesmo, insístese na invisibilización dos danos debidos ás enfermidades de orixe laboral produto do subrexistro de enfermidades profesionais.

O manifesto reivindica o cumprimento efectivo nas empresas da lexislación de prevención de riscos laborais e a posta en marcha por parte dos poderes públicos de políticas públicas de saúde laboral, empezando pola aprobación dos plans de acción da recentemente asinada Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2022-2027. E esixe a convocatoria sen demora da Mesa de Diálogo Social en materia de prevención de riscos laborais, anunciada polo Ministerio de Traballo e Economía Social na propia firma da Estratexia.

Á Xunta, UGT-Galicia esíxelle diálogo e medidas para erradicar a lacra da sinistralidade laboral. “Hai que poñer o foco na prevención de riscos laborais e nas condicións de seguridade e saúde nos centros de traballo”, conclúe o sindicato.

Achegas para a nova Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo

Ao respecto da conmemoración do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, a CIG sinala que a Xunta de Galicia, a través do ISSGA e a Dirección Xeral de Relacións Laborais, está obrigada a promover unha comisión de traballo no marco do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral para elaborar a nova Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo, 2023-2027.

“Atopámonos agora coa posibilidade de realizar propostas e aportacións para a elaboración da definitiva EGSST 2023-2027, sobre a base dun primeiro borrador avanzado polo ISSGA. Dende a CIG entendemos que este grupo de traballo debería ser unha oportunidade para estabelecer un verdadeiro proceso de análise, discusión e realización de aportacións. Aportacións entre outras especialmente referidas ás medidas concretas e precisas, que deben proporcionar á EGSST unha capacidade operativa real para o logro dos fins propostos”, engade a central sindical.

Medidas concretas, temporalizadas e orzamentadas que teñan adxudicada a responsabilidade da súa xestión e consecución. Xestión e consecución de medidas nas que cada unha conte cos indicadores necesarios para medir o seu grado de execución e alcance dos obxectivos e finalidades asociadas ás mesmas”, afonda oa CIG.

En definitiva, dende a CIG apostan por unha política preventiva “máis democrática, eficiente e rigorosa, orientada a resultados medibles e cuantificables, e moi afastada dos verbos infinitivos (impulsar, promover, fomentar, potenciar, reforzar,…) desprovistos do contido e o compromiso real que debe amosar unha verdadeira política preventiva de seguridade e saúde no traballo”. 

En 2022 producíronse en Galicia máis de 28.400 accidentes laborais, 73 deles mortais