Ciclo da Cátedra de Empresa Familiar da UDC

Tino Fernández (Altia) enxalza na UDC os valores da empresa familiar

Na súa participación no ciclo da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña (UDC), o presidente de Grupo Altia, Tino Fernández, puxo o acento na aposta da compañía pola internacionalización, que relacionou cos bos resultados obtidos en 2020 a pesar do impacto da pandemia, ao tempo que salientou a importancia dunha “Galicia protagonista” na visión empresarial.

Tino Fernández (Altia) enxalza na UDC os valores da empresa familiar
Tino Fernández salientou na UDC os valores da empresa familiar./G. LAMAS | PUNTO GA.
Tino Fernández salientou na UDC os valores da empresa familiar./G. LAMAS | PUNTO GA.

“Sigo tendo o mesmo soño co que comecei en 1994: facer algo grande aquí e, se marcho, que quede unha empresa moito máis sólida e moito máis potente do que é hoxe”, sinalou Tino Fernández durante a súa conferencia ante estudantes da Universidade da Coruña.

Fernández enxalzou o crecemento de Altia dende a súa creación, unha empresa que puido internacionalizarse para dar servizo en tecnoloxías da información a empresas e institucións a nivel global: na actualidade, conta con máis de 2.200 empregados e 800 clientes e proxectos en sete países con entidades públicas e privadas.

O carácter de empresa familiar foi outro dos valores destacados polo presidente da consultora ante o alumnado universitario. “A empresa familiar de Galicia non é só cousa de familias; tamén son as empresas que viven aquí, que pensan aquí e que teñen aquí as súas bases. Se queremos que Galicia non sexa só un mercado de consumidores, precisamos empresas e empresarios preocupados pola continuidade, a dixitalización ou a internacionalización”, expresou.

Altia obtivo unha cifra de negocio de 129,9 millóns en 2020 malia o impacto negativo do coronavirus, e non aplicou ningunha regulación de emprego. “É importante que os traballadores estén motivados e que vexan que nos momentos de dificultade segues apostando por eles. Nós fomos capaces de seguir xuntos e, afortunadamente, o mercado de tecnoloxías da información estase recuperando”, remarcou, e engadiu que vén “unha década de oportunidades para as empresas galegas no eido tecnolóxico”.

Próxima cita: María Montalvo

A vindeira semana, o ciclo das cátedras de empresa familiar da cátedra da UDC, que dirixe Berta Rivera, acollerá a conferencia de María Montalvo, directiva de Freire Hermanos, quen compartirá cos estudantes o seu coñecemento sobre os órganos de goberno das empresas familiares.

Tino Fernández (Altia) enxalza na UDC os valores da empresa familiar