A feira multisectorial programou máis de 200 actividades

A Semana Verde superou as cen mil visitas

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, e os seus certames paralelos Salimat Abanca, Turexpo Galicia, Festur e Fecap Abanca, espertaron o interese de máis de cen mil visitantes grazas a unha proposta que combinou negocio e lecer tanto na súa área expositiva como no seu programa de actividades.
A Semana Verde superou as cen mil visitas
Vista do pavillón de Salimat Abanca DSC03421 (1)
Vista do pavillón de Salimat Abanca.

A falta dunha hora e media para o seu peche este pasado domingo, o certame recibira xa desde o pasado xoves 100.684 visitantes, aumentado así as súas cifras respecto ao ano pasado, cando acudiran 95.042 persoas. Estas foron rexistradas a través dun sistema de cámaras con software intelixente situadas nas entradas ao recinto que permite obter cifras totais de asistencia con maior precisión.

Nesta edición da Semana Verde estiveron presentes 740 expositores directos de 10 países, a mellor cifra dos últimos 16 anos, entre os cales foron estranxeiros un 34% máis. Estes expositores sumados a 361 firmas representadas e aos compradores e operadores turísticos participantes nos encontros de negocio alimentarios e turísticos, supuxeron que 27 países estivesen presentes directamente e que fosen 36 os países representados. Respecto ao ano pasado estas cifras supuxeron un 6,7% máis de expositores. Ademais, o seu salón turístico conseguiu de novo cifras récord en número de expositores presentes e superficie, como xa fixese o ano pasado, cun 13% máis de participantes.

Estes magníficos datos tradúcense nunha gran xeración de negocio tanto na área expositiva como nos encontros de compradores e operadores turísticos, nos cales non só son excelentes as expectativas a curto prazo, senón que xa se pecharon importantes acordos en feira. Con todo iso, a valoración por parte dos expositores é moi positiva, mostrándose moi satisfeitos na súa maioría. Uns resultados que supoñen para a organización un motivo máis para seguir traballando no crecemento desta feira tanto en expositores, compradores alimentarios e operadores turísticos como en internacionalización, ademais de manter a fidelidade do público.

A feira, destacou unha vez máis pola súa diversidade, xa que ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contou con numerosos sectores, desde gandería, bioenerxía e pequena maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. Un atractivo que se trasladou ao seu amplo programa.

Un programa con gran éxito

Nesta edición volveu destacar o seu amplísimo programa, con máis de 200 actividades distintas, moitas das cales se repetiron en diversos momentos do certame e que contaron unha vez máis con gran éxito entre os visitantes.

O salón de alimentación Salimat Abanca foi un ano máis un importante espazo de negocio. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acolleron máis de 1.300 reunións entre 130 empresas e 28 importadores e distribuidores de 19 países. A súa área Alinova mostrou preto de 80 innovacións. 

Turexpo Galicia e Festur, que se celebrou co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contou con multitude de empresas e entidades do sector, entre elas a Axencia para o Desenvolvemento Turístico de Ucraína (SATD) nun espazo cedido pola feira e destinado a que os visitantes puidesen mostrar a súa solidariedade ao país e tamén 31 concellos que promocionaron 40 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional  destacou a Bolsa de Contratación Turística, con máis de 2.200 reunións de negocio entre 140 empresas e preto dunha trintena de operadores turísticos presentes en doce países.

A Semana Verde superou as cen mil visitas