Convócanse dúas categorías, cada unha dotada con 5.000 euros

A RAG de Ciencias e a Xunta convocan a 10ª edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2024, que teñen por obxectivo recoñecer casos de éxito de transferencia de coñecemento na comunidade e difundilos á cidadanía.

A RAG de Ciencias e a Xunta convocan a 10ª edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia
Galardoados co Premio "francisco Guitián Ojea" na edición de 2023. Foto: web RAGC.
Galardoados co Premio "Francisco Guitián Ojea" na edición de 2023. Foto: web RAGC.

Os galardóns, que este ano celebran a súa décima edición, divídense en dúas categorías dotadas cada unha delas cun premio que ascende aos 5.000 euros e un diploma acreditativo.

O premio “Francisco Guitián Ojea” distingue un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O traballo pode ser inédito ou estar xa publicado con posterioridade a 2021.

Por outra banda, o premio “Fernando Calvet Prats” destaca un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa, e irá destinado ao grupo creador da tecnoloxía transferida.

Detalles da convocatoria

Para presentarse a estes premios, poderán concorrer os investigadores das universidades galegas e dos centros de investigación, centros tecnolóxicos, fundacións sanitarias e demais organismos de investigación radicados en Galicia.

Ao premio “Fernando Calvet Prats”, os investigadores poderán concorrer conxuntamente con empresas galegas ou que teñan un centro de traballo radicado en Galicia.

En ningunha das dúas modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que xa recibisen o premio nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da Real Academia Galega de Ciencias.

O prazo para a presentación de candidaturas abrirase o 1 de marzo e rematará o 30 de abril.

A RAG de Ciencias e a Xunta convocan a 10ª edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia