O 4 e 5 de abril, en Muxía

A produtividade, a política fiscal, a ciberseguridade e o audiovisual, temas da próxima Reunión Anual do Foro Económico

A produtividade da economía española, a industria audiovisual,  o deporte profesional, a política fiscal española ou a ciberseguridade serán algúns dos temas que se traten na XIII Reunión Anual do Foro Económico de Galicia, que tera lugar os próximos 4 e 5 de abril en Muxía.
A produtividade, a política fiscal, a ciberseguridade e o audiovisual, temas da próxima Reunión Anual do Foro Económico
Expertos, empresarios e participan na reunión anual do Foro Económico de Galicia no Parador de Muxía.
Expertos, empresarios e participan na última reunión anual do Foro Económico de Galicia no Parador de Muxía.

Máis de 80 asistentes, entre representantes de empresas, axentes sociais, académicos e cargos da administración pública, confirmaron a súa asistencia á reunión anual do Foro Económico de Galicia. 

A xuntanza arrincará o vindeiro xoves 4 de abril coa participación do presidente da CEOE, Antonio Garamendi, e do director de Conxuntura e Análise Internacional de Funcas, Raymond Torres, que analizarán un dos puntos febles da economía española: a produtividade, nunha reflexión baixo o título “A produtividade en España: Unha tarefa pendente”. Estas intervencións iniciais estarán seguidas dunha mesa redonda á que se sumarán Jesús Alonso Escurís, presidente de Jealsa Corporación, e Juan Manuel Viéites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. A xornalista Lara Graña será a encargada de moderar o debate.

Pola tarde do xoves será o sector audiovisual galego como industria de contidos o que ocupe a escena, cun elenco formado por varios dos nomes máis recoñecidos do sector: Emma Lustres, CEO de Vaca Films, Álvaro Gago, director de Matria, Chelo Loureiro, de Abano Producións e Fernando Ojea, director de Contidos da CRTVG, a coordinación desta mesa correrá a cargo da xornalista e directora de Voz Audiovisual, Fernanda Tabarés.  Para pechar a sesión da tarde os participantes terán a ocasión de escoitar a unha das actrices máis premiadas do panorama cinematográfico español, Emma Súarez, gañadora de tres Goyas, dous Forqué, unha Espiga de Ouro da Seminci e Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes.

O venres a xornada iniciarase de forma eminentemente técnica, ao abordarse un dos grandes problemas aos que se enfrontan tanto as empresas públicas coma privadas: a ciberseguridade e os riscos tecnolóxicos. A situación neste terreo será tratada por un dos máximos expertos na materia, o director do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), Felix Barrio, quen será presentado por Senén Barro, director do CITIUS da USC.

A política fiscal é outro dos asuntos que máis interese suscita e que tamén será obxecto de análise na reunión coa intervención da presidenta da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIREF), Cristina Herrero, quen será presentada polo economista galego e á súa vez presidente do Consello Económico Social (CES), Antón Costas.

A última mesa desta xuntanza anual anúnciase como pioneira e singular, tanto pola súa temática como polas súas participantes. É a primeira vez que un organismo de estudos económicos como o Foro analiza o impacto do deporte profesional nos fluxos económicos e ademais faino da man de tres mulleres directivas galegas que están á cabeza de outros tantos entes deportivos de referencia para Galicia.

Carmen Lence, presidenta do Breogán, Marián Mouriño, presidenta do Real Club Celta de Vigo e Lupe Murillo, presidenta do Pontevedra C.F. estarán acompañadas por José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. A mesa será moderada polo xornalista Ignacio Capéans.

A produtividade, a política fiscal, a ciberseguridade e o audiovisual, temas da próxima Reunión Anual do Foro Económico