Entrega de galardóns na Cidade da Cultura

Os Premios RSE Galicia recoñecen as boas prácticas de 11 empresas galegas

A Cidade da Cultura en Santiago acolleu este martes a entrega da segunda edición dos Premios RSE 2016 que convoca a Xunta de Galicia para promover e difundir a responsabilidade social empresarial.

Os Premios RSE Galicia recoñecen as boas prácticas de 11 empresas galegas
Foto de familia dos galardoados na 2ª ed. dos Premios RSE Galicia.
Foto de familia dos galardoados na 2ª ed. dos Premios RSE Galicia.

Nesta edición os premiados na categoría de grande empresa foron a queixería Entrepinares de Vilalba (eido social), Abanca (ambiental) e PSA Peugeot-Citröen (conciliación e igualdade); en mediana empresa, M.Caeiro de Santiago, o Real Club Deportivo da Coruña e Pescados Rubén de Foz; e na pequena empresa, Casa Grande de Xanceda de Mesía (social), Metal Ferrol de Narón (económico), Revertia Reusing and Recycling do Porriño (ambiental) e Promove Consultoría e Formación (conciliación). Recibiron, ademais, unha mención Ledisson A&IT do Porriño no eido social  e Trameve de Santiago no ambiental.

Na entrega de galardóns participou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen salientou no seu discurso que está demostrado que o éxito empresarial está vinculado a comportamentos socialmente responsables e, por iso, explicou que a Xunta está traballando para difundir a RSE entre as empresas galegas con diversas ferramentas como son estes galardóns cos que o Goberno galego recoñece o labor das compañías nos ámbitos social, económico, ambiental e de conciliación e igualdade.

O titular de Economía indicou que proximamente aprobarase a Estratexia Galega de RSE 2017-2020 coa que se pretende dotar á Comunidade dunha ferramenta para afrontar con éxito os desafíos actuais en RSE garantindo a saúde e o benestar dos traballadores, unha xestión eficiente dos recursos enerxéticos e a procura dunha sociedade inclusiva que integre perfís diversos. 

Os galardoados

Na categoría de grande empresa gañaron a queixería Entrepinares no eido social polo seu emprego de calidade, a formación continua dos traballadores e os programas de desenvolvemento persoal individualizado; Abanca, no eido ambiental, polo seu plan de ecoeficiencia para reducir o consumo de enerxía, auga e outros recursos naturais e por achegar aos seus empregados o coidado da natureza; e PSA Peugeot-Citröen, no ámbito da conciliación, polo seu traballo a prol da igualdade de xénero, fomentando a promoción interna en niveis onde as mulleres contan con menos representación, e pola reorganización de espazos e recursos para atender a traballadoras embarazadas.

No caso da mediana empresa, obtiveron un galardón Caeiro, nos eidos social e ambiental, xa que un 95% dos seus contratos son indefinidos e entre as súas medidas resaltan a redución do impacto ambiental e as actuacións de ecoeficiencia no consumo de enerxía; o Real Club Deportivo polas súas accións solidarias e o seu código ético e de boas prácticas; e Pescados Rubén, no eido da conciliación, pola implantación de medidas como o uso do tempo, recursos para o coidado doutras persoas ou a importante presenza das mulleres, incluíndo os órganos de goberno.

Na categoría de pequena empresa, foron premiadas Metal Ferrol, no eido económico, por integrar os principios do goberno responsable para velar pola aplicación efectiva dos seus programas en materia de RSE; Casa Grande de Xanceda, no ámbito social, pola formación continua, a procura de igualdade de oportunidades e os programas de emprendemento para loiar contra o despoboamento do rural galego; Promove Consultoría e Formación, no eido da conciliación, xa que as súas catro socias apostan pola flexibilidade e polo teletraballo; e Revertia Reusing & Recycling, no ámbito ambiental, polo seu compromiso co medio e a súa aposta pola economía circular doando os seus ordenadores e outros compoñentes informáticos a entidades do terceiro sector.

Ledisson A&IT recibiu unha mención no ámbito social pola súa aposta polo talento, o emprego de calidade e a formación dos seus traballadores; e Tratamento Medioambiental de Vehículos (Trameve), no eido ambiental, pola súa promoción dun consumo responsable apostando pola reutilización das pezas válidas.

 

Comentarios
Os Premios RSE Galicia recoñecen as boas prácticas de 11 empresas galegas