III Premios á transferencia de tecnoloxía

O presidente da RAGC urxe a poñer en marcha mecanismos para transferir os resultados da ciencia á empresa

Este martes entregáronse en Santiago os III Premios á transferencia de tecnoloxía, uns galardóns promovidos pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co apoio da Axencia Galega de Innovación, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo.

O presidente da RAGC urxe a poñer en marcha mecanismos para transferir os resultados da ciencia á empresa
Foto de familia dos premiados e autoridades./S.RIVAS.

Os premios recaeron no departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago; o proxecto da spin-off HGBeyond Materials, da USC en colaboración co grupo I+D Farma; e a empresa de automoción BorgWarner polo seu traballo co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo.

No acto de entrega dos galardóns, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel Ángel Ríos, afirmou que “hai que producir ciencia de calidade, pero tamén poñer en marcha procesos que transfiran os seus resultados á empresa”. Ríos destacou que o desenvolvemento económico e o benestar social de Galicia dependen da capacidade das empresas para xerar riqueza e que a innovación baseada no coñecemento –e, polo tanto, na investigación– é a única fórmula para competir no mercado global.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ratificou ao longo da súa intervención a aposta da Xunta por un modelo de investigación aberto e colaborativo para poder seguir avanzando na transferencia da tecnoloxía, co obxectivo de que a ciencia se traslade á sociedade en forma de novos produtos e servizos. Para iso, destacou a importancia de que o traballo científico que se desenvolve nos laboratorios sexa de interese para as empresas. Así, indicou que estes premios “son un modo de difundir este labor e o alcance da colaboración público-privada no eido da ciencia e da innovación”.

Os galardoados

O proxecto realizado polo Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago (USC), no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias, Hiram Varela, acadou o premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada. A través desta actuación ponse en valor un residuo gandeiro, o sangue procedente dos matadoiros, que, a través da súa transformación en fariña de alta calidade, consegue un amplo abano de usos, desde a fabricación de pensos para animais, fertilizantes agrícolas e aditivos alimentarios ata cosméticos, pegamentos, extintores antiincendios e emulsións asfálticas.

O premio está dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores. Hiram Varela destacou que a convocatoria destes premios “é unha iniciativa que contribúe de forma rotunda ao fomento da actividade investigadora e o seu proceso de transmisión á industria”. Neste sentido, o seu colega da USC neste proxecto, José Manuel Magide, explicou que destinarán a dotación económica do galardón a construír un prototipo, que non só lles permitirá progresar na investigación, senón “lograr unha maior visibilidade de cara ás empresas ás que pretendemos chegar”. Segundo explicaron, a curto prazo pretenden formular fertilizantes e a medio prazo estenderán as aplicacións a pensos para acuicultura e alimentación de mascotas. No seu camiño ao mercado, obtiveron xa tres patentes, negocian con dúas empresas e proxectan constituír unha spin-off.

Na categoría de pemes, dotado con 12.000 euros, resultou gañadora co premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, HGBeyond Materials Science, unha spin-off nacida na Universidade de Santiago, á que se lle recoñece o traballo para desenvolver unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular.

Logo de recoller o premio, a cofundadora e directora científica da empresa, Carmen Álvarez- Lorenzo, destacou que “iniciativas como a convocatoria destes premios constitúen un estímulo moi importante para que a innovación guíe o desenvolvemento socioeconómico de Galicia”. Ademais, agradeceu o soporte da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, “que nos acompaña desde o principio nesta aventura”, e a contribución da Fundación Marcelino Botín a través do Programa MindTheGap.

Por último, o premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía, na categoría de grandes empresas, recaeu na filial viguesa de BorgWarner. A colaboración desta empresa co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo permitiu desenvolver unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos que implantará en todas as súas fábricas. O proxecto galardoado consiste nunha ferramenta de cálculo computacional que permite simular o comportamento dos sistemas de redución de emisións contaminantes para vehículos que a empresa fabrica, supoñendo unha vantaxe competitiva importante.

O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos polo seu esforzo no eido da transferencia de tecnoloxía.  A responsable do grupo GTE, Concepción Paz, destacou que a estreita colaboración entre a universidade e a empresa supón para esta última o desenvolvemento de coñecementos e innovacións “que a poden situar en posición de vantaxe competitiva fronte á competencia”. Para os investigadores, supón coñecer de primeira man as necesidades da industria, “o que ten impacto directo no labor docente porque permite orientalo á formación de profesionais ben adecuados ao perfil demandado polo mercado laboral”. Pola súa banda, a responsable de I+D da empresa, Sonia Civeira, destacou que “a relación entre a Universidade de Vigo e BorgWarner xa vén de lonxe, máis de 10 anos, e hoxe, como resultado deste traballo conxunto, prémiase un proxecto que serve de base para o desenvolvemento de solución máis avanzadas e eficientes no eido da redución de emisións contaminantes de vehículos”.

Ao acto de entrega dos III Premios á transferencia de tecnoloxía tamén asistiron o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; o vicerreitor de Política Científica da Universidade da Coruña, Salvador Naya; a directora do Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, África González; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Luis León; a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López; e o director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto.

O presidente da RAGC urxe a poñer en marcha mecanismos para transferir os resultados da ciencia á empresa