O 13 de xuño, en Santiago

O Foro Galicia Alimentación 2024 afondará nas novas fronteiras da innovación tecnolóxica

Expertos e profesionais do sector da alimentación e as bebidas daranse cita o próximo 13 de xuño na Cidade da Cultura, en Santiago para debater sobre a innovación na produción, o desenvolvemento de alimentos saudables e as tecnoloxías emerxentes, temas protagonistas do Foro Galicia Alimentación 2024 que organiza o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). 

O Foro Galicia Alimentación 2024 afondará nas novas fronteiras da innovación tecnolóxica
Mesa redonda no Foro Galicia Alimentación de 2023./CEDIDA.
Mesa redonda no Foro Galicia Alimentación de 2023./CEDIDA.

O Foro Galicia Alimentación iniciarase ás 10.45 horas co almorzo e a exposición de alimentos e bebidas excelentes e innovadores, así como co espazo demos, centrado, nesta edición, na alimentación do futuro.

A continuación, ás 11.30 horas, dará comezo o Foro, que estará estruturado en dúas mesas redondas cun título e unha temática en común: "As novas fronteiras na innovación alimentaria". Ao longo de toda a mañá, diferentes profesionais tratarán esta cuestión falando tanto dos novos alimentos alternativos e funcionais, como da nutrición personalizada ou do uso da tecnoloxía na produción, procesamento e envasado. Entre eles, poranse enriba da mesa técnicas como a nanotecnoloxía, a enxeñaría xenética, a biotecnoloxía ou a Intelixencia Artificial e as súas posibilidades ao servizo do sector.

Ás 11.30 horas levarase a cabo a primeira mesa redonda baixo o título "Da granxa á mesa: innovación na produción e desenvolvemento de alimentos saudables", na que tomarán parte os seguintes relatores: o consumer insights director de Kantar, César Valencoso; o CEO e cofundador de Néboda Farms, Iván García; a directora de negocio e crecemento de Mundo Healthy, Sofía Pérez; e o experto en seguridade alimentaria e nutrición e profesor asociado da Universidade Complutense de Madrid, Rafael Urrialde. Pola súa banda, o CEO de Quescrem, Sergio Alonso, será o encargado de moderar o debate.

A segunda mesa redonda, "Tecnoloxías emerxentes nas fronteiras do coñecemento", arrancará ás 12.45 horas. Neste caso, a cuestión abordarase da man dos seguintes profesionais: da CEO de Grupo Carinsa, Vanesa Martínez; do catedrático de Biotecnoloxía na Universitat Politècnica de València, José Miguel Mulet; do fundador e CEO de Blendhub, Henrik Stamm Kristensen; e do responsable de proxectos singulares de alimentación en Food Eurecat, Ignasi Papell. A catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Santiago de Compostela, Ángeles Romero, será a moderadora desta segunda mesa.

Entrega dos Premios Galicia Alimentación

Unha vez rematado o Foro, procederase á entrega dos Premios Galicia Alimentación,  nos que compiten 130 candidaturas entre as dúas categorías. O día 13 descubrirase, polo tanto, que empresas e proxectos conseguen os seguintes galardóns: Produto Innovador, Produto Excelente, Estratexia de Márketing ou Internacionalización, Iniciativa Innovadora e Iniciativa Sostible.

A gala contará co apoio institucional da Xunta de Galicia, co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski e o bronce de Salimat Abanca. 

Unha vez remate a entrega, levarase a cabo un cóctel de alimentos e bebidas de Galicia no que o público asistente terá a ocasión de degustar algúns dos produtos presentados aos galardóns de Clusaga, así como dos colaboradores do evento.  

O Foro Galicia Alimentación 2024 afondará nas novas fronteiras da innovación tecnolóxica