Este martes 21, ás 20 h, na súa sede

O Colexio de Economistas de Pontevedra presenta o libro "Política e Economía da Unión Europea”

O martes 21 de febreiro, o Colexio de Economistas de Pontevedra organiza a presentación do libro "Política e Economía da Unión Europea", nun acto no que intervirán os profesores da Universidade de Vigo e autores do libro Constantino Cordal, Xulio Pardellas e Celso Cancela.

O Colexio de Economistas de Pontevedra presenta o libro "Política e Economía da Unión Europea”

Cumpridas xa máis de tres décadas da adhesión de España á Unión Europea, os temas referidos ao proceso de construción deste espazo común corresponden xa ao acervo académico e tamén á atención preferente da opinión pública. Por outra parte, as características do proxecto europeo, aberto e en continuo movemento, mostran a necesidade de coñecelo e interpretalo correctamente, tanto para os alumnos universitarios, como para calquera outra persoa que se interese polo noso futuro e máis polo das xeración vindeiras.

Neste contexto, o libro "Política e Economía da Unión Europea" ten como obxectivo ofrecer ao lector unha visión breve pero con rigor, do funcionamento da Unión Europea desde unha perspectiva multidisciplinar, que implica o enfoque político e institucional, unido ao encadramento económico, coa finalidade de facilitar os elementos e claves básicas para comprender e interpretar as principais actuacións comunitarias. O libro está dividido en dúas partes que se corresponden con estes obxectivos. A primeira parte abre o bloque referido á historia do proceso e ás institucións comunitarias como instrumento fundamental de Europa, tentando de ofrecer ao lector o esencial para comprender a toma de decisións políticas, mentres que a segunda parte se centra na definición e análise dos principios de intervención nos mercados, no desenvolvemento rexional, nas actuacións sobre aspectos sociais e de política exterior, e finalmente, sobre a construción da Unión Monetaria e o orzamento comunitario. No final preséntase un Anexo conxunto sobre os impactos do Brexit.

En suma, os alumnos, o lector académico ou simplemente o público interesado, ten así nas súas mans un libro de estudio e consulta que lle permitirá achegarse con facilidade á comprensión elemental do conxunto da dinámica europea, así como aos instrumentos xurídicos e económicos que permitiron e manteñen a garantía institucional do proceso de integración e construción do mercado único como trazo fundamental deste espazo común.

A presentación terá lugar ás 20 horas na sede do Colexio de Economistas en Vigo.

O Colexio de Economistas de Pontevedra presenta o libro "Política e Economía da Unión Europea”